Argentina Villaverde

Argentina Villaverde Tomé, a Feliciana, foi rapada polos fascistas estando embarazada de Alfredo Oliveira Durán, ao que fusilaron no desaparecido cemiterio ferrolán do Canido o 6 de outubro de 1936.

Segundo explica o historiador Xosé Álvarez Castro no seu libro Mourente nos anos do medo, Alfredo, que era fillo do dirixente obreiro José Oliveira Posada, nacera no Pazo pero estaba cumprindo o servizo militar en Ferrol. Xa en xullo de 1934 estivera no cárcere e fora multado con 500 pesetas tras ser relacionado con un atentado nun garaxe. En setembro dese ano volve ser sancionado, xunto co seu pai e outros veciños de Mourente, por participar nunha tala de cepas nesta parroquia e na de Salcedo, enmarcadas na conflitividade social. O seu pai xa fora detido en 1921, sendo presidente da Federación de Traballadores, por incidentes ocorridos nunha folga de leiteiras e vendedoras, así como en 1933 por coaccións a obreiros que non secundaban unha folga. Estará de novo no cárcere desde outubro ata decembro de 1934.

Logo de ser fusilado Alfredo, Argentina dará a luz á súa filla póstuma, Teresa. Nunca casou, viviu no Pazo na casa familiar coa súa irmá, Angelita Villaverde ata que, xa casada a filla, puido facer a súa. A memoria oral gardou que a súa vida foi ben difícil: “Non o pasou ben, non tivo unha vida nada fácil. Marcada por ter unha criatura cun rojo… Logo andou ao xornal coa irmá e mais traballou para un home que era de dereitas”.

Sempre mantivo unha fonda amizade con outra veciña do Pazo, Celia Reboredo ,a Ghimarana, que tamén fora rapada.

Autora: Montse Fajardo

Biografías Relacionadas