Neste momento estás a ver Pintoras e Pontevedra
Sin título (monstruos), obra de María Núñez

Pintoras e Pontevedra

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Cores, formas, trazos, materiais… únense para se converteren na expresión dunha maneira de pensar, de ver, de amosar. Xorde nesta unión o proceso creativo e a el contribuíron moitas mulleres ao longo da historia que deixaron a súa pegada impregnada na obra artística.

Concha Caballero e familia
Concha Caballero co seu esposo e fillo, 1925.

As súas traxectorias son diversas e variadas; as motivacións únicas e persoais; e os seus empeños, variables. Algunhas delas compaxinaron a súa vida familiar coa produción artística e na incógnita ficará para sempre a pregunta de cal tería sido o seu destino en caso de nacer noutra época; se houbo ou non interese por dedicarse en exclusiva á pintura ou se o entendían como unha actividade de lecer que realizaban sen aspiracións para seren recoñecidas como tal. O que si sabemos é da súa ausencia na literatura especializada, fose cal fose a súa intención. Porén, como proba irrefutable do seu bo facer, boa parte da obra destas mulleres está hoxe en diferentes museos e lugares públicos. Mais, con anterioridade, foron tamén moitas as que a viron exposta en diversas mostras que deixan constancia, á fin, dunha intencionalidade para se dar a coñecer.

María López Sanmartín
María López Sanmartín, 1909, imaxe de Vida Gallega.

Nun repaso breve polas biografías incluídas na páxina web dogrisaovioleta.gal encontramos exemplos diversos, de traxectorias dispares, como a de Carmen Babiano Méndez-Núñez (1852), pintora ligada ao movemento realista de finais do XIX que colaborou coa revista La Ilustración Gallega y Asturiana e coa Sociedade Arqueolóxica. O seu legado artístico consta de máis de 100 obras pictóricas que hoxe se conservan no Museo de Pontevedra; ou a de Concha Caballero López que residiu nos Estados Unidos, onde cultivou o retrato, a paisaxe e a temática das flores.

Obra de Concha Caballero
Obra de Concha Caballero.

Tamén encontramos a artista María López Sanmartín, cuxa carreira se viu truncada pola súa morte repentina en 1911. Poucos anos antes, en 1908, obtivera unha medalla de cobre por unha “corbeille de flores” ao óleo nunha mostra realizada na Sociedade Económica e ao ano seguinte estivera na Exposición Rexional de Santiago. De Ourense chegou a Pontevedra Severina Martínez Cerecedo e na cidade do Lérez, en concreto no número 26 da rúa Peregrina, montou unha escola de debuxo e en 1904 foi nomeada profesora auxiliar de debuxo da Escola Normal de Mestras.

Gravado das Ruínas de San Domingos, realizado por Carmen Babiano.
Gravado das Ruínas de San Domingos, realizado por Carmen Babiano Méndez-Núñez e publicado en Ilustración Galega en 1879.

De seguirmos indagando, coñeceremos a Yoya, como lle chamaban familiarmente a Aurora Argibay Iglesias, que comezou a pintar despois dos 65 anos e que conseguiu realizar a súa primeira exposición en maio de 1973 na sala da Caixa de Aforros de Vigo. O interese de Aurora pola pintura nace de ver os cadros da súa filla Mercedes Ruibal, pintora formada en Buenos Aires, a onde emigrara con vinte anos e onde estableceu contacto con pintores como Laxeiro. Cun estilo único e cunha linguaxe moi persoal, segundo a crítica de arte, as súas obras forman parte de importantes coleccións como a do Museo de Pontevedra, Afundación, a Xunta ou o Parlamento. Tamén está Avelina Viñas Calvo, quen chegou a afirmar nunha entrevista do ano 1949 no diario La Noche, que nacera pintando. A súa habilidade como pintora puido ensinarlla ao alumando que a mediados dos anos 40 acudía á escola de arte que ela rexentaba no número 31 da rúa da Peregrina e onde impartía debuxo artístico, historia da arte, cor e labores, incluíndo bordado á man e á máquina.

Cadro de Avelina Viñas
Fotografía dun cadro de Avelina Viñas.

Non podemos esquecer a Celeste Seguí, quen chegou a Pontevedra entre os anos 1907 e 1909 e conta cunha mención honorífica na Exposición Rexional de Santiago de 1909. Ou a María del Carmen Vázquez Prat, que traballou como profesora adxunta de debuxo dos institutos Otero Pedrayo e Blanco Amor, de pintura nos Maristas e de manuais na Normal, ademais de traballar corenta e oitos anos na administración.As súas obras foron chegando a mostras en Santiago, A Coruña, Santander, Salamanca, Madrid e mesmo Austria, Bélxica, México, e unha parte importante delas pasaron foron adquiridas por coleccionistas. Ou a María de la Paz Victoria Gulías Nantes que conta cunha prolífica produción de máis de cinco mil obras, a día de hoxe espalladas por todo o mundo.

Este breve repaso complétase con figuras como Emma Vilanova Oger, unha muller cunha gran proxección como retratista cuxa carreira se viu interrompida ao non acadar unha bolsa de estudos para continuar a súa formación en Madrid. A pesar diso, conseguiu que a súa filla Mirian Calvo fose herdeira desa mesma paixón pola arte. O ámbito familiar parece ter certa influencia nos gustos e preferencias, como así tamén o demostran as irmás Alicia (1926) e Mercedes González Bará (1927), ambas de formación autodidacta e cunha traxectoria ampla de exhibicións. De Alicia González Bará chegará a dicir Laxeiro: “A exposición de Alicia Bará sorprendeume, non esperaba que unha muller con este talento de pintora chea de luz e color estivera ensombrecida”.

Sin título (monstruos), obra de María Núñez
Monstruos, obra de María Núñez

A día de hoxe xorden novas voces, novas formas de expresión que nos achegan a mulleres cun perfil profesional moi ligado á pintura e en numerosas ocasións procedentes de ámbitos académicos. Nesta nova temporalidade, máis próxima á actual, Pontevedra tamén foi favorecedora dun ambiente que motivou a exhibición pública de diferentes mostras. E desta forma, a día de hoxe, contamos na cidade coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, que atrae como polo imantado a presenza de grandes pintoras a esta nosa Boa Vila. Como, por exemplo, é o caso de Marina Núñez quen, natural de Palencia, exerce como profesora de pintura. A obra desta artista multidisciplinar destaca polo seu interese nos discursos de xénero ao redor das identidades femininas, ao redor do que crea unha nova linguaxe, con especial atención á violencia xeradas polos estereotipos dominantes.

Na mesma facultade comparte saberes Rosa Elvira Caamaño Fernández, profesora titular de Pintura, ademais de académica correspondente da Academia Archeologica de Roma e comisaria da única exposición antolóxica sobre Serafín Avendaño (paisaxista vigués do século XIX). Ou tamén a de Almudena Fernández Fariña, docente na facultade desde o ano 2001 e que desenvolve un destacado labor como investigadora no ámbito da pintura contemporánea. Compartiu tamén o seu bon facer Berta Cáccamo, cuxa traxectoria profesional como pintora é definida como abstractiva e conceptual. Premiada múltiples veces, parte da súa obra encóntrase no Museo Provincial de Pontevedra.

Berta Cáccamo
Berta Cáccamo

Para alén das artistas xa mencionadas, tamén son moitas as mulleres que, sen ter outra relación coa cidade, deixaron na súa memoria a lembranza das obras expostas, como é o caso da artista do Porriño, Chelo Rodríguez, cuxa obra se destaca pola súa cor e paixón, pola orixinalidade na composición e interpretación, co atractivo do e todo aquilo relacionado co próximo, co cotián. A Pontevedra tamén chegou, grazas á Bienal celebrada en 1998, a obra da ferrolá Pamen Pereira, unha artista de amplo espectro que experimenta nos seus traballos co debuxo, a pintura, a escultura, a fotografía e incluso o vídeo, sen limitar o acto creativo e vinculándoo coa natureza. E a nada en Catoira, María Xosé Díaz, que en 1997 realiza unha mostra na cidade na que amosa unha visión integral do seu universo plástico.

Grazas ao seu labor creativo coñecemos a súa forma de entender a pintura, cada unha cunha contribución particular e única a través da que nos amosan a súa forma de entender o mundo que as rodea. A mirada de todas estas mulleres (e das que seguramente falten neste artigo) é imprescindible para amosar unha realidade diversa, conforme a un mundo tamén diverso. Sen elas, o discurso nace nesgado.

Deixa unha resposta