María de la Paz Victoria Gulías Nantes

María de la Paz Victoria dedicou toda unha vida á súa pictórica e escultórica, cunha prolífica produción de máis de cinco mil obras. A artista autodidacta recibiu as súas primeiras ensinanzas creativas no centro educativo dos Praceres. Posteriormente, contou co asesoramento técnico do pintor madrileño Salvador Angulo durante os seus inicios, quen era familiar do seu marido, o violinista Néstor Martín Pardo, fillo da pianista pontevedresa Pilar Pardo Trapote.

En 1959 foi bolseira do Ministerio de Educación en Vigo, ano en que participou na Bienal de Arte Internacional de Burdeos. A partir de aquí, a creadora realizou varias exposicións colectivas e máis de cen individuais en entidades culturais galegas, públicas e privadas, ademais de leonesas, madrileñas, catalás ou portuguesas. En 1980 participou na exposición organizada polo foro de Coyoacán en México D.F., onde obtivo o primeiro premio. Neste mesmo ano conseguiu un novo galardón, outorgado polo Liceo Casino da súa vila natal.

As súas obras artísticas están espalladas por todo o mundo, incluídas nos fondos do Museo de Pontevedra ou no de Castrelos de Vigo, e tamén presente nos concellos de Ferrol e da Coruña, na Deputación de Lugo e nos Palacios de Lidia e da Zarzuela, con retratos realizados á duquesa de Alba e ao Rei, respectivamente. Ademais, a súa arte está en Portugal e en coleccións privadas nacionais e internacionais.

A creadora morreu o 26 de setembro de 2002 en Vigo, sendo sepultada no cemiterio de Lourizán, Pontevedra, parroquia onde estivo vivindo durante a súa infancia e xuventude, no lugar de Estribela.

Autoría: Etnoga

Biografía de María de la Paz Victoria Gulías Nantes

Descargar

Biografías Relacionadas