O pasado mes de abril, desde A Memoria das Mulleres presentamos unha nova campaña na que nos achega á plataforma TikTok para fomentar a memoria con perspectiva de xénero entre a xente máis nova. Neste mes de maio queremos dedicar unhas liñas ás novas creadoras audiovisuais, coas que nos achegamos a diferentes formatos e contidos.
A día de hoxe o traballo dixital é habitual no proceso creativo de moitas artistas e a creación audiovisual permite experimentar con diferentes formatos. A cidade de Pontevedra conta coa única facultade de Belas Artes de Galiza, na que se formaron e forman centos de artistas. Moitas delas utilizan a linguaxe audiovisual nas súas creacións. Un bo exemplo disto é Marta Verde, unha artista contemporánea, natural de Pontevedra, especializada na arte multimedia e a programación creativa. Na súa obra busca a fusión entre arte, creatividade e tecnoloxía, e aplica as súas creacións audiovisuais ás artes escénicas mediante instalacións e performance.
Nesta facultade tamén se formaron outras artistas como Sol Mussa ou Iria Vázquez, ambas as dúas son naturais de Vigo e contan cunha traxectoria artística vinculada ao audiovisual. Sol Mussa estuda as posibilidades da linguaxe audiovisual nas súas curtas e pezas audiovisuais, mentres que Iria Vázquez realiza un traballo de videocreación xogando coa fotografía, a interpretación, a escultura, a performance ou o canto.
Ao falar de creación audiovisual non debemos esquecer as diferentes plataformas da rede, ferramentas que actúan como espazos de socialización e tamén de divulgación de contidos. Actualmente, Facebook e YouTube son as canles que contan con maior número de rexistros, non obstante, plataformas como TikTok e Instagram están logrando cada vez maior protagonismo entre as xeracións máis novas. A creación de contidos audiovisuais aumenta grazas á internet e atopamos creadoras cheas de talento como as tiktokers María Rúa (@pradorua), Leti Da Taberna (@letidataberna) ou Laura Franco (@laurafranco111). E, como non podía ser doutra maneira, en Pontevedra tamén atopamos grandes creadoras audiovisuais nas plataformas da rede.
No YouTube hai todo tipo de perfís con contidos moi diversos, na cidade de Pontevedra destaca Patty Dragona por ser a muller con máis persoas subscritas á súa canle de todo o estado español. Os seus vídeos enfócanse ao entretemento e publica bromas, retos con amizades e diferentes xogos. No marco desta inmensa plataforma, no 2016 xorde Youtubeir@s, un proxecto de visibilización para os creadores e as creadoras en galego, que favorece o nacemento e a expansión dunha comunidade cada vez máis forte e con personalidade propia. Este proxecto quere mostrar o galego como lingua viva na rede e promover referentes na nosa lingua. Moi interesante resulta o traballo de divulgación de perfís como Pingando creado por Laura Veiga, unha xornalista viguesa especializada na educación e divulgación sobre o ciclo menstrual.
Non obstante, as creadoras máis novas comezan a cambiar o YouTube polo TikTok, a plataforma máis demandada pola mocidade actualmente. Moitas persoas comezaron a utilizar esta canle para entreterse e en pouco tempo conseguiron chegar a millóns de persoas, como é o caso de Tamara García (@grtamara), que estudou Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra. Ela crea un contido variado en temática pero sempre con moito humor. Moi recoñecida tamén se fixo a conta de Esther Estévez (@digochoeu), un espazo educativo sobre a lingua galega. Pero ela non é a única que defende a nosa lingua nesta rede, senón que cada vez hai máis persoas creando contidos en galego, como a viguesa María Alonso (@mariaalonsogzz), que participou na campaña Conquistemos TikTok! para reclamar que esta plataforma se poida configurar en lingua galega.
Instagram tamén ten unha moita aceptación entre o público, onde a fotografía ou imaxe ten grande protagonismo. Os perfís desta rede son moi variados e tamén os seus contidos. Belén Diz Juncal (@belendizjuncal) é unha ilustradora de Pontevedra, que mostra os seus traballos a través desta canle, porén, a tamén pontevedresa Patricia Sanjurjo (@patriciasanjurjo_) é unha apaixonada da moda, e comparte no seu perfil contido sobre moda, beleza e viaxes. O mundo da cociña tamén se fixo un importante oco no Instagram e hai numerosas contas de receitas culinarias como Media Laranxa (@media_laranxa), un proxecto de creación de receitas e asesoramento lingüístico en galego creado pola mestra e filóloga lucense Noemí García, quen tamén está detrás do proxecto Dicionario galego para boomers (@galegoparaboomers), unha conta creada recentemente para involucrar o seu alumnado coa lingua galega.
Actualmente, a creación de contidos audiovisuais está en auxe grazas á rede e as novas ferramentas son un portal aberto para a difusión e divulgación. Velaquí vai o noso pequeno achegamento ás novas plataformas e a algunhas das súas creadoras, mais non dubidedes en continuar investigando e coñecendo, de seguro atoparedes novas creadoras sobre os contidos que máis vos interesan.