Neste momento estás a ver Conferencia Pioneiras e heterodoxas
Convite á conferencia Do Gris Ao Violeta.

Conferencia Pioneiras e heterodoxas

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

A concellaría de Patrimonio Histórico organiza o vindeiro luns, día 27 de abril, a conferencia ‘Pontevedresas pioneiras e heterodoxas’ que terá lugar ás 20.00 horas no Pazo de Mugártegui. Trátase dunha actividade que forma parte da programación complementaria á exposición ‘Do gris ao violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra’, que ata finais do mes de abril se pode ver na Praza de Ourense.

María Xesús López Escudeiro e Carme Vidal son as dúas conferenciantes que analizarán a vida de mulleres singulares que conseguiron traspasar con afouteza os muros do ámbito doméstico e non dubidaron en incorporarse a espazos públicos reservados tradicionalmente ao mundo masculino, afrontando toda clase de críticas, incomprensións e mesmo persecucións.

Carme Vidal falará sobre mulleres que crearon o mapa artístico da cidade e amosará como a historia literaria, artística, teatral e musical en poucas ocasións se contou con nomes de mulleres. Malia iso, detrás dese esquecemento latexan as obras de moitas creadoras que desenvolveron as súas actividades artísticas en Pontevedra: Carmen Babiano, Aurora Argibay ou Mercedes Ruibal en pintura, Obdulia Prieto Nespereira en música, Concepción Arenal en pensamento ou Aurora Vidal e Mª Victoria Moreno en literatura.

O espazo doméstico imponse de maneira especial na vida destas mulleres. Poida que sexa esa a razón de que no lugar de encontro familiar se tezan, en moitos dos casos, os vencellos artísticos e literarios. A artista Yoya Argibay e a súa filla Mercedes Ruibal na casa de Xeve, as irmáns González Bará na Avenida de Santa María, Aurora Vidal canda seu irmán e as súas sobriñas nos Soportais ou Carmen Babiano e as súas fillas no Palacete das Mendozas. Todas contribuirían a descubrir outro plano da cidade, o rueiro imaxinario no que se marcarían as casas que foron estudos e obradoiros para a creación de tantas mulleres que naceron ou chegaron a unha Pontevedra na que crearían a súa obra. Son estes algúns dos seus nomes, de entre outros moitos que existiron e existirán, e que na conferencia do luns se tentarán situar na cidade, nos lugares nos que moraron para vinculalas aínda máis a unha Pontevedra que quere recuperar a súa memoria.

Pola súa parte, María Xesús López Escudeiro, fará un repaso á historia de mulleres singulares dende a idade media ata o século XX. Explicará o esquecemento ao que se viron sometidas dende sempre e contará como a ‘historia oficial’ sempre as terxiversou, ocultou e as fixo invisibles. Sen embargo, a existencia destas mulleres chega a nós por diferentes medios e isto supón que os baleiros do silencio se poden encher e recoñecer e por iso é tan importante amosar a súa presenza nos diferentes eidos sociais e no tecido dos fíos da historia de Pontevedra.

Escudeiro recordará como a finais da Idade Media, unha parte importante da actividade produtora e comercial das cidades estaba nas mans femininas, particularmente nas viúvas, que á morte do esposo collían as rendas do negocio familiar, administraban as propiedades e mesmo podían facer testamento cunha liberdade que, paradoxicamente, sería recortada no futuro. En pleno século XX, sen embargo, hai historias como a de Ernestina Otero, que chegou a ser directora da Escola Normal de Pontevedra e ao comezo da Guerra Civil foi suspendida de emprego e soldo polas súas ideas políticas e, trala morte do seu home, é separada definitivamente do seu posto e dada de baixa no escalafón. Para poder sobrevivir terá que dar clases particulares. Ao remate da Guerra Civil foi exiliada a Ourense e permitíuselle volver a Pontevedra en 1951. Cinco anos despois falecía logo dunha intensa vida.

Deixa unha resposta