Ao longo do ano 2023 puxemos en marcha a iniciativa Mulleres Murais, unha aposta pola produción artística desenvolvida pola fotógrafa e activista Verónica Ramilo, que culminou na creación de murais en homenaxe ás traballadoras históricas da fábrica de Alfares de Ponte Sampaio (Pontesa) e da ribeira de Lourizán.
As obras instaláronse no interior dos centros socioculturais de Ponte Sampaio e Estribela respectivamente co obxecto de recoñecer o labor e poder de transformación social dos colectivos de mulleres así como promover o coñecemento da historia local, vinculando a poboación co seu territorio e favorecendo establecer lazos de unión entre as persoas e os lugares que habitan.
Creados cunha técnica mixta de fotografía e colaxe (paste-up) pola artista Verónica Ramilo, os murais son froito do labor de investigación e inmersión no terreo levado a cabo por Ramilo, quen mantivo encontros con entidades e grupos de mulleres que achegaron información de primeira man.
Dignidade obreira e defensa da ría
No caso de Ponte Sampaio, a creación fai referencia ás mulleres da Pontesa, exemplo de dignidade obreira. A organización sindical e as múltiples accións de reivindicación laboral levadas a cabo polas traballadoras na cerámica ao longo da súa historia foron o motor de grandes melloras nas condicións de traballo con foron a consecución do permiso dunha hora de lactación, axudas para a gardería, non traballar os sábados, ter 3 pagas extras ou a redución da xornadas de 51 a 39,5 h á semana.
No caso de Estribela, o mural xirou ao redor das mariscadoras que loitaron e loitan polo sustento da ría ao longo da historia, desde a construción da autovía na ribeira, a instalación da pasteira de Ence até os máis recentes desafíos medioambientais.