A nosa web, dogrisaovioleta.gal, alberga entre os seus contidos catro roteiros urbanos, centrados na historia e na memoria das mulleres de Pontevedra. Estes paseos veñen de ser actualizados, con novos mapas e versión de texto e audio, facilitando así o acceso a todo tipo de públicos. Ademais, estes audios tamén se atopan dispoñibles en versión podcast a través das plataformas iVoox e Soundcloud.
Queres máis información sobre os roteiros? Podes botar un ollo aquí:
- Roteiro sobre as mulleres represaliadas de Pontevedra: Este roteiro realiza unha andaina pola memoria das pontevedresas que sufriron a represión franquista, de xeito directo ou polo que supuxo nas súas vidas a exercida sobre os homes da familia. Iníciase ante o Concello, por ser o epicentro da loita pola República tras o golpe, e repasa despois os lugares de represión onde foron condenadas a morte, detidas ou vexadas algunhas das protagonistas do roteiro, que como nas rúas, realiza tamén paradas nos nomes propios. Mais o percorrido non camiña só polos mapas da derrota. Tamén visita espazos vinculados coa solidariedade, que sen dúbida tivo nome de muller, coa resistencia e coa propia memoria do acontecido na vila tras a sublevación fascista de 1936. Son en total dez paradas centradas na zona urbana mais con referencias tamén a mulleres das parroquias, que foron condenadas a morte na Deputación, detidas na rúa que actualmente alberga a Audiencia ou vexadas no cuartel do Campo da Feira. Mulleres represaliadas e porén resistentes e solidarias.
- Autoría: Montse Fajardo.
- Roteiro Mulleres en San Amaro. Percorrido feminino polo cemiterio municipal: Xunto ao valor histórico e artístico do Cemiterio Municipal de San Amaro, con este roteiro preténdese pór en valor as mulleres soterradas no mesmo e a figura feminina en xeral. O itinerario está creado de forma circular, comezando polo recinto primitivo e continuando polas ampliacións para rematar na zona próxima á capela. A necesidade que levou a construír este novo camposanto xurdiu en 1865, cando o existente, sito na Eiriña, comezaba a ficar pequeno e impedía o crecemento da cidade. Catro anos despois, o arquitecto municipal Ricardo de Aróstegui realizou un plano cun orzamento, malia que finalmente se levou a cabo o proxecto de Alejandro Rodríguez-Sesmero González na zona coñecida como Pedra do Largarto, no lugar de San Amaro da parroquia de San Mamede de Moldes. As obras realízanse entre 1876 e 1879, sendo bendicido o 29 de setembro de 1882 e aberto o primeiro día do mes de outubro dese ano. Son en total 27 paradas, todas elas dentro do cemiterio.
- Autoría: Etnoga.
- Roteiro Pontevedra en feminino: Percorrido pola historia de Pontevedra, con lentes de xénero. Os edificios, as rúas, as prazas dan conta da evolución da sociedade e do papel que desempeñaba a muller en cada época. Coa lembranza dos nomes, dos lugares e das biografías coñecemos a importancia das súas achegas e recoñecemos a súa presenza na historia da cidade. Partindo da praza da Ferraría, preséntase unha sinopse do roteiro en 9 paradas, que remata na Moureira.
- Autoría: María Xesús López Escudeiro.
- Roteiro da Moureira. O río, o mar e as mulleres: A Moureira nace extra muros, como arrabalde da vella Pontevedra. Situada na beira do río Lérez abrangue da Ponte do Burgo até o muíño de Peilán, na desembocadura do río Gafos. Tivo o seu momento de esplendor durante os séculos XV e XVI. Froito da riqueza xerada pola pesca e o comercio, o podente gremio de mareantes patrocina a construción da igrexa de Santa María, hoxe un dos símbolos da cidade. O florecente barrio mariñeiro foi perdendo pulo co paso dos séculos debido á peste, á perda de calado das súas augas e ao desenvolvemento da propia vila. Producíronse varios ensanches que foron comendo sitio ao Lérez, e mudando a fisionomía desta ribeira desde inicios do século XX. Este roteiro percorre a historia das tres Moureiras a través dun paseo polos principais oficios das súas mulleres, cun total de 8 paradas.
- Autoría: Etnoga.