Neste momento estás a ver As orixes do 8 de marzo
Traballadoras da fábrica textil de Xuvia en 1919, un ano despois da revolta

As orixes do 8 de marzo

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Neste mes de marzo, desde A Memoria das Mulleres queremos facer un achegamento á historia do Día Internacional das Mulleres, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade.

FOTO1 Correo Gallego 1920
El Correo Gallego, 1920 outubro 28 (Fonte: Galiciana)

El Correo Gallego recollía en 1920 a nova ao redor da instauración internacional do Día da Muller do seguinte xeito: “Ahora se piensa en instaurar un nuevo día a otra pleitesía internacional, resucitando con amplio carácter el llamado “Día de la Mujer”, festividad que se celebra en Norte América desde el año 1914 y a la que se dedica el último domingo de Febrero. Esta fiesta se extendió con rapidez a otros pueblos: el Japón la calebra con gran entusiasmo, dándole un marcado carácter societario y reivindicativo. Las mujeres rusas, a quienes se prohibió la celebración de esta festividad, obsérvanla obstinadamente, a riesgo de sufrir los rigores de su Gobierno, y en 1915 un grupo de mujeres alemanas cruzaba la frontera, pese a las rigurosas prohibiciones existentes en la época de guerra, para celebrar en Suíza su festividad. Este grupo lo presidía Clara Zetkin, actualmente diputado comunista.”

Mais, cómpre afondar un pouco máis para coñecer as orixes deste día, ligadas aos partidos socialistas dos Estados Unidos a comezos do século XX, onde hai un crecente sentimento de loita obreira e numerosas mobilizacións. Neste contexto, en 1909 tivo lugar a gran folga das traballadoras da compañía téxtil Triangle Waist Co., un paro que tivo unha gran repercusión e que rematou co retorno das obreiras ao seu traballo sen conseguiren as demandas de seguridade que reclamaban para a fábrica. O 25 de marzo de 1911 esta empresa sufriu un grande incendio e o peche de portas e escaleiras (práctica habitual nese momento para evitar que as traballadoras tomasen descansos non autorizados) impediron que as obreiras puidesen escapar do edificio, obtendo como resultado a morte de 146 traballadoras e numerosas feridas.

FOTO2 Incendio na fabrica de confeccion Triangle 1911
Incendio na fabrica de confeccion Triangle, 1911

Este acontecemento incentivou o crecemento do Sindicato Internacional de Mulleres Traballadoras da Confección, que loitou por mellorar as condicións laborais das obreiras téxtiles. Un impulso que se corresponde co auxe do sindicalismo feminino da primeira década de 1900 e cun maior protagonismo das mulleres na vida social e política. De feito, nestes comezos do século XX, concretamente o 3 de maio de 1908, foi cando as feministas socialistas desenvolveron por primeira vez o Woman’s Day, unha xornada para facer campaña polo sufraxio feminino e contra a escravitude sexual. Un evento que rematou por establecerse como unha xornada anual a favor do sufraxio feminino.

Esta idea do Woman’s Day estadounidense, foi trasladada na II Conferencia de Mulleres Socialistas (1910) por Lena Morrow Lewis e May Wood Simons, delegadas do Partido Socialista Norteamericano, baixo a proposta de conmemorar unha xornada de loita e reivindicación dos dereitos das mulleres, sen establecer un día fixo. Clara Zetkin apoiou esta idea dándolle un novo significado de clase co nome de Día Internacional da Muller Traballadora.

O Primeiro Día Internacional da Muller celebrouse o 19 de marzo 1911 en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza, con reivindicacións que demandaban o dereito ao voto, a igualdade de oportunidades para exercer cargos públicos e o dereito ao traballo. Non obstante, o Día Internacional da Muller celébrase por primeira vez un 8 de marzo en 1914 e esta data afiánzase tras a mobilización rusa de 1917. Unha protesta organizada o 8 d

FOTO3 Clara Zetkin 1857 1933
Clara Zetkin, 1857-1933

e marzo (23 de febreiro, segundo o calendario xuliano utilizado entón en Rusia) polas mulleres de San Petersburgo para loitar polo dereito ao voto, mostrar o seu rexeitamento á Primeira Guerra Mundial e pedir o regreso das tropas. A esta mobilización únense o estudantado e a clase traballadora, e remata coa abdicación do tsar catro días despois e cun Goberno Provisional que lles outorga o dereito ao voto ás mulleres.

Tras a Revolución de Outubro, a dirixente bolxevique Alexandra Kollontai establece o 8 de marzo como festa oficial na Unión Soviética, unha celebración que comezou a celebrarse en numerosos países. Deste modo, fixouse esta data como o Día Internacional da Muller Traballadora, cun forte compoñente de clase.

Nese contexto de guerra e conflitos internacionais, marcados pola Primeira Guerra Mundial e a Revolución Rusa, España viu unha importante oportunidade de negocio coa venda de materias primas, como trigo, aos países en conflito, o que deu lugar ao desabastecemento e provocou a subida abusiva dos prezos no mercado interior.

Estamos nunha etapa convulsa na que proliferan as revoltas populares e numerosas mulleres comezan a reclamar a presenza feminina no eido político. En Galiza lévase a cabo unha revolta o 8 e 9 de marzo de 1918, encabezada polas mulleres da fábrica de téxtil de Xuvia, que protestaban pola subida nos prezos e as malas condicións laborais, o perigososo do seu traballo e os baixos salarios. Esta protesta, coñecida como a Revolta das Pedradas ou a Revolta do Pan, prolongouse durante varios días e sumáronse a ela as protestas labregas, folgas obreiras e manifestacións multitudinarias. Finalmente rematou coa morte de nove persoas, ducias de feridas e un gran número de detencións.

Este foi un acontecemento vinculado ás orixes do 8 de marzo galego, que tivo lugar en toda a provincia da Coruña pero con maior incidencia na comarca de Ferrol. Deste modo, a Revolta do Pan é un de tantos conflitos sociais protagonizados por mulleres no século XIX e na primeira metade do XX, dos que podemos ver unha boa mostra sobre Pontevedra no artigo Muller e resistencia. Estas revoltas actúan como antecedente das actuais loitas das mulleres, que continúan a encher as rúas cada 8 de marzo para protestar e reivindicar a defensa dos seus dereitos laborais e a igualdade.

As ansias das mulleres por lograr unha mellora nas súas condicións laborais continúa ao longo do transcorrer da historia e en novembro de 1932, no marco do Congreso Regional de Unidad Sindical, Herminia González pronuncia un discurso que nos mostra como o feminismo avanza lene pero deixando pegada. Falamos dunha rapaza comunista, traballadora na fábrica de conservas de Justo López Valcarcel de Vigo e delegada no congreso polas traballadoras conserveiras, cuxa intervención se recolle na prensa da seguinte maneira: “Esta delegada hace una ardiente defensa de las reivindicaciones de la mujer trabajadora, defendiendo el principio de a igual trabajo, salario igual; relata la forma en la que trabajan las conserveras y la explotación de la que son objeto, percibiendo salarios inferiores en la mitad al de los hombres, siendo así que hacen un trabajo igual al de los hombres y a veces superior en esfuerzo.”

Os avances do feminismo e o movemento sufraxista víronse truncados co franquismo e a morte do ditador en 1975 permitiu que se retomasen as prácticas reivindicativas do feminismo, en Galiza créase neste mesmo ano a Asociación Galega da Muller (AGM). Estamos ante un movemento feminista organizado, integrado por mulleres pertencentes a diferentes partidos políticos e involucradas na loita contra a ditadura. Deste modo, na asociación estaban representados todos os partidos, agás os nacionalistas que, daquela, mostraban unha visión escéptica sobre a creación dos novos movementos feministas.

FOTO5 El pueblo gallego 8 de marzo de 1978
El Pueblo gallego (1978 marzo 8). Fonte: Galiciana

Dentro do feminismo había diferentes posturas, fomentadas polas lecturas de obras das feministas europeas e norteamericanas e das ideoloxías de cada quen. O matiz de traballadora, aplicado ao 8 de marzo Día da Muller Traballadora, era un debate recorrente xa que moitas mulleres organizadas no feminismo o consideraban inxusto, xa que só facía referencia ás traballadoras asalariadas, excluíndo as mulleres traballadoras do fogar. Este compoñente comezou a desaparecer en 1977, cando as Nacións Unidas convidaron os estados membros a proclamar o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller, o día da ONU para os dereitos das mulleres e da paz mundial.

A AGM levaba a cabo numerosas reivindicacións a favor da sexualidade libre, polo aborto, contra a lei de perigosidade social, por un posto de traballo xusto, etc., o que supuxo un desafío social. Neste sentido, o Goberno Civil da Provincia de Pontevedra prohibiu a manifestación do 8M de 1978, organizada baixo o lema “por un divorcio xusto e non discriminatorio”, xa que as consignas propostas para este día foron consideradas como inapropiadas.

Deixa unha resposta