As mulleres nos conflitos sociais. Do século XIX a mediados do XX

No documento Muller e resistencia (ver en PDF) resúmense os conflitos sociais producidos no Concello de Pontevedra durante o século XIX e a primeira metade do XX. O repaso realízase, principalmente, a través das novas de prensa aparecidas nos xornais históricos que están colgados na hemeroteca Galiciana da Biblioteca Dixital de Galicia.

Pontevedra como concello, como vila e como capital de provincia foi o escenario de diferentes situacións reivindicativas nas que as mulleres foron as protagonistas. Vendedoras de leite, de carne, de produtos do campo e de peixe que se manifestaron polos abusivos tributos que tiñan que pagar, chegando a producirse ao longo dos anos varios “motíns de consumos” nos fielatos da ponte do Burgo ou da Peregrina; protestas polo imposto de cédulas persoais que mesmo acabaron na parroquia de Salcedo cunha veciña falecida e varias feridas; ou queixas reclamando a unión de todas as costureiras nunha mesma asociación para defender, entre outras cousas, o aumento do salario e o descanso dominical.

As mulleres protagonizaron moitos destes actos, pero tamén apoiaron os mariñeiros nas súas mobilizacións. E acompañaron na loita as folgas e os paros nos que a sociedade traballadora reclamaba os seus dereitos na industria, da que tamén formaron parte.

Ata cando o lume se quixo apropiar de casas da veciñanza, as mulleres sempre foron as primeiras en chegar para enfrontarse con el.

Autoría: Etnoga

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: ‘Muller e resistencia‘.

Mercado de Pontevedra
Mercado de Pontevedra.

Galería