Durante case catro décadas moitas mulleres da área de Pontevedra concentraron a súa forza de traballo na fábrica de Alfares A Pontesa, en Ponte Sampaio, unha das máis modernas e avanzadas nos seus comezos e protagonista de protestas laborais nos últimos anos.
Desde crear as pezas de cerámica até decoralas, barnizalas ou empaquetalas, mozos e maioritariamente mozas, aprenderon a traballar nun incipiente modelo industrial organizado en seccións, con primas e control de produtividade así como unha cadea de mando definidida, algo que pouco tiña que ver cos labores que viñan desempeñando as mulleres tradicionalmente na zona, vinculados á terra, ao mar ou a oficios como a costura.
A través dunha conversa na Casa da Cultura de Ponte Sampaio con algunhas destas mulleres empregadas da Pontesa, quixemos coñecer o cambio social e persoal que supuxo para elas e a contorna ter un traballo deste tipo en tempos nos que a muller tiña máis dificultades para acceder a un posto asalariado.
Ademais acompañaron o encontro coas súas narracións persoais a historia da fábrica e axudaron a botar unha ollada á parte humana que se agochaba e xestaba tras das paredes da mítica Pontesa.
Este encontro estivo aberto á participación do público, que achegou a súa visión e vivencias, estabelecendo así unha conversa aberta entre as todas persoas presentes.