A memoria das mulleres: cinco anos tornando o gris en violeta

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Coa constitución do consello asesor arrancaba o 19 de decembro de 2013 A memoria das mulleres, un programa da Concellaría de Patrimonio Histórico que tiña como obxectivo encher de contido o baleiro que as mulleres ocupaban no relato oficial, contar como de imprescindíbel foi o seu pulo para construír a Pontevedra que agora coñecemos.

Buscábase rescatar os nomes, as biografías e de ser posíbel os rostros das mulleres comprendidas en tres ámbitos: o das pioneiras, o das traballadoras e o das represaliadas e resistentes. Para iso traballouse na compilación da documentación, bibliografía, hemeroteca, imaxes e arquivos de son e vídeo que puidesen existir sobre elas, e ademais realizáronse ducias de entrevistas que puidesen achegar novas informacións.

A investigación era o primeiro vértice dun triángulo que se completaba con tarefas de divulgación e homenaxe, sempre en colaboración coas asociacións culturais e veciñais, e mesmo as familias e protagonistas dos perfís máis contemporáneos. O desenvolvemento do programa non fixo máis que ratificar, ano a anos, a súa clara vocación participativa. Non se trataba só de coñecer mellor as biografías das mulleres pioneiras, traballadoras ou marcadas polo franquismo senón de dalas a coñecer á cidadanía, e en especial á comunidade educativa.

Así quedaba demostrado na primeira gran actividade de divulgación de A memoria das mulleres, a exposición Do gris ao violeta, inaugurada o 10 de marzo de 2015 na Praza da Ferraría. O seu título incidía no cerne do programa: “imos rescatar a mulleres de todos os tempos da escuridade nas que as mergullou a historia, para construír unha Pontevedra máis feminista”. O sitio elixido, toda unha declaración de intencións: “imos darlles o espazo central que merecen”.

Daquela aínda non se alcanzara a metade do percorrido deste primeiro quinquenio e xa había moito que amosar: 120 fotos, 70 mulleres e 16 biografías en cubos xigantes imposíbeis de eludir nun paseo polo centro da cidade. Completábase este primeiro escaparate coa publicación do catálogo Do gris ao violeta, achegas ás mulleres de Pontevedra, onde se recollía moita máis información da que podían soster unha ducia de paneis. Moitos máis nomes, moitos máis rostros, moitas máis vidas. Tamén cun ciclo de actividades, Tempo de mulleres, que como se fixo antes e se faría despois, ano tras ano, serviría de pretexto para contar a historia da cidade en feminino.

Así, de xeito paseniño, foron abandonando a escuridade do gris historias de creadoras vinculadas a distintos ámbitos: música, teatro, pintura, fotografía. Déronse a coñecer mulleres aviadoras, almirantas, bruxas, masonas. Racharon co silencio inxusto repiques de campás que levaron a oídos da colectividade nomes como Amalia Armesto, Vasquida García, Mercedes Bará, Cándida Otero ou Chichana Patiño.

O programa entrevistou mulleres que traballaron de costureiras, ou no mar, ou en fábricas como A Pontesa, e converteu o seu propio relato en homenaxe, con encontros abertos ao público nos que contando a súa experiencia, elas mesmas reivindicaban a importancia do traballo feminino, feito por xente totalmente anónima, na construción da identidade colectiva. E ninguén discutiu a relevancia que tiñan para a cidade mulleres que todo o mundo coñecía pero que pouco recoñecemento tiveran fóra do ámbito familiar. Como María a do Carrillo, a señora Lola e Clarita. Ou como Carmen Durán, que como tantas outras gardaba a súa identidade baixo o alcume viúva de… no seu caso de Cándido, o dono da empresa de autobuses da que ela acabaría facéndose cargo.

Nestes cinco anos, tamén houbo máis que merecidas homenaxes ás mulleres que sufriran a represión franquista. Rescatouse a través do relato familiar a historia que deixaran inconclusa Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro cando en decembro do 36 foran fusiladas polos golpistas. E quitóuselles o po a fotografías históricas que agocharan durante décadas as familias en caixóns: Elvira coas súas orfas ou Encarna Silva coas marcas da rapa, que apenas se recollen nun par de fotos máis en toda a Galiza. E cos nomes dos mártires do 12 de novembro recolleuse os das súas viúvas, e os de todas as mulleres que tras a derrota dos homes quedaran termando da familia na Pontevedra máis gris, a do franquismo. Coas homenaxes que se realizaron no Principal ás persoas depuradas da administración e o maxisterio, á xente obreira ou á resistente e solidaria buscábase darlle á cidade unha cor máis xusta, conscientes de que aínda queda moito que lixar para quitar o gris e destapar o violeta.

Nese empeño fóronse realizando actividades e publicacións, colaborouse en artigos e programas de radio que lles daban a palabra ás esquecidas, ás rebeldes, ás transgresoras, ás creadoras, ás traballadoras. E gravouse para sempre nomes de muller en placas. A que nomea rúas na honra de Josefina Arruti e María Victoria Moreno. E a que lembra nun parque a Amalia Álvarez Gallego. E no quinto ano, cando a memoria de Pontevedra pasara xa do gris ao branco e do branco ao rosa e seguía pinga a pinga, brocha a brocha, para acadar o violeta, e o púrpura e o morado, abriuse unha fiestra para falarlle o mundo das mulleres que fixeran posíbel a historia da cidade.

E o 21 de decembro, no día segundo do sexto ano, presentouse a web www.dogrisaovioleta.gal, espazo no que se irán asomando todos os nomes, todos os rostros, todos os estudos, todas as historias, na teima de que non quede nin unha aula, nin un relato, nin xente ningunha que non saiba que, sen as mulleres, pode que Pontevedra tivese unha historia pero sería outra e non tería a luz violeta dun novo solpor.

Deixa unha resposta