Neste momento estás a ver Merendando co fío e a agulla

Merendando co fío e a agulla

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Houbo un tempo no que as mozas agardaban o día da festa para estrear o vestido novo, confeccionado con esmero por unha costureira veciña ou por unha modista dun taller do centro. Aquel vestido había que coidalo ben, para que servira para levar ao baile unhas cantas veces. Eran tempos nos que a roupa que vestíamos facíana mans coñecidas durante horas roubadas ao sono. E cada nova prenda era pensada para quen a ía vestir en función das modas que chegaban a través da grande pantalla ou das revistas.

Dos tempos nos que ser costureira era unha boa saída para as mozas das parroquias, que así se libraban do duro traballo nas leiras, faláronnos algunhas das súas protagonistas nunha conversa aberta ao público que tivo lugar na Casa da Cultura de Lérez o xoves 26 de xuño, ás 20h. Compartiron coas asistentes, arredor dunha merenda, as súas memorias sobre as técnicas do seu oficio e as anécdotas asociadas ao feito de ser muller e traballadora en tempos nos que o destino natural era a reclusión no ámbito doméstico. Costureiras de Lérez que fixeron do fío e da agulla o seu modo de vida, antes de que as grandes cadeas de roupa fabricada en Asia acabasen con todo un mundo de saberes transmitido por mulleres.

Gravación que recolle o desenvolvemento completo do acto:

Deixa unha resposta