No día de hoxe, xoves 17 de setembro de 2020, presentouse en rolda de prensa o libro “A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira”, editado polo Concello de Pontevedra e escrito por Montse Fajardo. No acto, que tivo lugar ás 11:30 horas na Sala de Prensa do Concello de Pontevedra, participaron Xaquín Moreda, concelleiro responsable do programa A Memoria das Mulleres, e Montse Fajardo, autora da obra.
Para o programa A Memoria das Mulleres esta é unha data moi sinalada e de gran felicidade pois a publicación deste volume vén a confirmar, entre outras cousas, a necesidade de proxectos como A Memoria das Mulleres, que ten como obxectivos principais, non só sacar á luz os nomes de mulleres descoñecidas e invisibilizadas, senón tamén rachar coa imaxe estereotipada que foi divulgada sobre moitas delas, como é o caso de Virxinia Pereira.
A idea do libro xorde no ano 2019 cando, con motivo de se cumprir o 50 aniversario do pasamento de Virxinia, se decidiu facer unha entrada para a web www.dogrisaovioleta.gal e incluír a súa biografía. No entanto, xa no comezo da investigación apareceron as súas cartas, nomeadamente as que escribiu ao fogar de Otero Pedrayo e Fita Bustamante, e foi nese momento no que comprendemos que non se podía contar quen era Virxinia Pereria en só unhas liñas. Deste epistolario evidenciábase que Virxinia era unha persoa cun fondo compromiso antifascista e galeguista, unha muller que ía moito máis alá de ser a compañeira de Castelao na vida ou a enfermeira nos anos da doenza. A entrada da web converteuse, deste xeito, nun libro de 312 páxinas.
Pero, máis alá da propia publicación de “A vida incerta”, do proceso de creación foron ramificando moitas outras boas noticias… como o valor da propia investigación, que deu como resultado un texto que recolle a información sobre a biografía de Virxinia e que serve para afondar en cuestións tan importantes para a historia recente do país como o expediente de responsabilidades políticas de Castelao, os problemas coa súa herdanza ou o proceso que posibilitou que a súa obra ficase no Museo de Pontevedra; ou a importancia que xa se lle está a dar a Virxinia e as iniciativas que xorden para visibilizar a súa figura (recentemente o Consello da Cultura Galega contactou co programa para informar da decisión de subir á web o epistolario entre Virxinia e Paz Andrade); ou tamén o interese que están a mostrar medios e librarías que queren saber máis sobre a biografía dunha muller que pensamos merece ser coñecida non só como a esposa de Castelao senón como unha loitadora pola democracia, polos dereitos recoñecidos a Galiza no plebiscito de xuño do 36 e tamén como defensora da lingua.
Deste proceso de reconstrución da vida de Virxinia participou moita xente á que lle queremos transmitir o noso sincero agradecemento, con especial atención a todo o equipo do Museo de Pontevedra, especialmente ao seu director e a Ángeles Tilve; a Xoán Carlos Garrido, da Asociación Cultural Vagalumes da Estrada; e a Luís Bará, que segue botando unha man á memoria das mulleres. E tamén á Fundación Penzol, ao Consello da Cultura Galega, á Asociación Cultural Alexandre Bóveda, á Fundación Neira Vilas e á descendencia de Sebastián Martínez Risco, Ramón Martínez, Isaac Díaz Pardo e Valentín Paz Andrade, por todo o material cedido para esta publicación. E tamén a Rosa de Cabanas, encargada da maquetación do libro.