Neste momento estás a ver Muller e literatura
Sarah Escarpizo-Lorenzana Couto, 1901.

Muller e literatura

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Cada ano, o 23 de abril celébrase o Día do Libro, e desde A Memoria das Mulleres queremos aproveitar este mes de abril para homenaxear as nosas escritoras, mulleres creadoras e pioneiras que non tiveron un camiño fácil no mundo das letras. Rosalía de Castro, unha das figuras máis ilustres da literatura galega, dá boa conta do arduo camiño das escritoras: “...los hombres miran a las literatas peor que mirarían al diablo…” en Las literatas. Carta a Eduarda (1865).

Ao igual que Rosalía, hai mulleres que non renunciaron á súa escrita e conseguiron abrirse camiño no medio da misoxinia imperante do século XIX, algunhas utilizaron pseudónimos para poder publicar e outras foron invisibilizadas e esquecidas pola historia. A todas elas cómpre poñelas enriba da mesa e recuperar a súa memoria.

Filomena Dato Muruais
Filomena Dato Muruais

Ao redor da cidade de Pontevedra atopamos numerosas creadoras como Filomena Dato Muruais (1856-1926). Aínda que de orixe ourensá, tivo un forte vínculo con esta cidade, grazas á relación familiar cos escritores pontevedreses Andrés e Xesús Muruais Rodríguez, cos que compartía faladoiros literarios. A escritora tiña un grande interese na defensa da cultura galega e na reivindicación feminista, tal como vemos en Follatos (1891), a súa única obra escrita en galego, que a converte na segunda escritora en escribir na nosa lingua no século XIX, despois de Rosalía. Filomena compartía faladoiros e inquedanzas feministas con diversas intelectuais coetáneas como Emilia Pardo Bazán, quen tamén está relacionada coa nosa cidade.

Emilia Pardo Bazán
Emilia Pardo Bazán

Emilia Pardo Bazán (1851-1921), é coñecida pola súa obra Los pazos de Ulloa (1886), non obstante, escribiu 20 novelas, 7 obras de teatro, máis de 600 contos, múltiples crónicas de viaxe, máis de 1.500 artigos xornalísticos e infinitas cartas. A súa escrita está influída polo naturalismo, e a construción da patria española será un dos leitmotivs da súa obra. Ademais foi unha precursora na defensa dos dereitos das mulleres, reivindicando a formación das mulleres como algo fundamental. Aínda que é natural da Coruña, a escritora herda do seu tío diversas propiedades en Pontevedra, cidade na que ambientou diversas obras como Una cristiana (1890) ou La prueba (1890).

Outra escritora da que non debemos esquecernos ao falar de Pontevedra é a filla da pontevedresa Elisa Couto Salcedo e do leonés Augusto Escarpizo Lorenzana: Sara Escarpizo Couto (1878-1966), máis coñecida como Sarah Lorenzana ou Margarita del Campo, pseudónimos cos que asinaba as súas publicacións. Sendo nena comezou a interesarse pola escrita e con 11 anos publicou os seus primeiros textos. Con 13, era mestra de instrución primaria superior e aos 16, fundou e dirixiu en Pontevedra o Colexio da Purísima Concepción e a revista científico-literaria El Ángel del Hogar. Tamén escribiu en numerosas revistas e publicou poesía, narrativa, ensaio e, sobre todo, literatura infantil. Desta autora destacamos Acuarelas (1905), publicación na que aparece o seu único poema en galego, “Meu Leres”, dedicado á cidade de Pontevedra.

Da que apenas temos datos é de Ramona Simán, porén, sabemos que asina os poemas “Jeová” e “Amor”, na antoloxía El Álbum de la Caridad (1862); e tamén as composicións “A Pontevedra”, “A Dios” e “Improvisación a la luna” na revista La Perseverancia, onde fala da súa relación con Pontevedra.

Pese aos avances na igualdade entre homes e mulleres, o camiño que percorreron as escritoras galegas no século XX tampouco foi sinxelo. A comezos de século continúase a tradición literaria galega do século pasado sen grandes innovacións, até o apoxeo cultural das décadas de 1910 e 1920, mais a presenza feminina na literatura continuou sendo escasa durante este período.

Herminia Fariña
Herminia Fariña Cobián, no xornal Viga Gallega, en 1923.

Vinculada con Pontevedra atopamos, en primeiro lugar, á poeta e dramaturga compostelá Herminia Fariña Cobián (1904-1967). Os seus primeiros versos foron publicados en Vida Gallega e con só 18 anos saca da imprenta Cadencias (1922), a súa primeira obra dunha longa lista de publicacións. Ademais, colaboraba asiduamente con xornais como Ciudad, no que se recolle “Poema claro. Especial para la ciudad“, dedicado á cidade de Pontevedra, na que residiu boa parte da súa vida. No mundo do teatro, foi unha precursora xunto con Carmen Prieto Rouco, sendo das primeiras mulleres galegas que conseguen estrear as súas obras nos anos 20. Concretamente, en 1927 estrea en Compostela a súa primeira obra teatral, un poema dramático titulado Margarida a Malfadada, que nese mesmo ano se representa en Pontevedra, cidade na que vivía nese momento.

Aurora Vidal Martínez
Aurora Vidal Martínez

Moi preto da vivenda de Herminia atopábase a tenda da súa amiga, e tamén escritora, Aurora Vidal Martínez (1910-2005), natural de Pontevedra e irmá do poeta Xoán Vidal Martínez. Aurora estudou maxisterio e exerceu como mestra en diversos centros de ensino, até que se asentou definitivamente na cidade do Lérez. En Pontevedra compaxinaba o seu labor dedicado á escrita coa súa actividade como rexente nun comercio da cidade. Os seus primeiros versos foron publicados nas revistas Vida Gallega e Sonata Gallega. Alén da poesía, cultivou narrativa e teatro, xénero ao que se sentiu moi ligada, xa que tamén realizaba tarefas de escenografía, coreografía e dirección.

Coa chegada da Guerra Civil truncouse a efervescencia literaria dos anos 20 e até a década de 1970 non atopamos novas publicacións de mulleres pontevedresas, que veñen de man de Mercedes Ruibal e María Victoria Moreno.

Mercedes Ruibal Argibay (1928-2003) nace a finais dos anos 20 en Xeve e emigra a Buenos Aires con vinte anos. Alí rodéase de artistas e intelectuais grazas aos contactos do seu irmán José Ruibal, e comeza a pintar influenciada por Laxeiro. Ao seu regreso a Galiza continuou a súa carreira como pintora, baixo un estilo único e unha linguaxe totalmente persoal. Viviu en cidades como Vigo, Madrid ou Roma e a súa creatividade levouna a compaxinar a pintura coa literatura, publicando a novela Confesiones de una volantinera con bragas de repuesto al dorso (1978) e o poemario Y mi voz es tu nombre (1986).

María Victoria Moreno Márquez (1941-2005) é estremeña de nacemento e pontevedresa de adopción. Chegou a Pontevedra para estrearse como mestra en 1963 e decidiu asentarse na cidade, tras breves estadías en Lugo e Sanxenxo. Da súa faceta como escritora deixounos numerosas publicacións, principalmente de literatura infantil e xuvenil, sendo Mar adiante (1973) a súa primeira obra e Anagnórise (1988) a súa publicación máis coñecida. O compromiso coa lingua galega e a utilización da nosa lingua na súa escrita, levárona a ser homenaxeada polo Día das Letras Galegas no ano 2018.

Na actualidade, hai unha boa recepción da literatura escrita por mulleres e temos numerosos exemplos de escritoras pontevedresas, comezando por Fina Casalderrey, unha das escritoras pontevedresas máis coñecidas.

Fina Casalderrey naceu en Xeve en 1951 e é veciña do lugar do Castelo (parroquia de Lérez) desde ben cativa. Con 19 anos comezou a exercer de mestra, sendo o mundo do ensino no que comezou a escribir, xa que creaba e dirixía pezas teatrais para o alumnado. Mutacións xenéticas (1991) é o primeiro libro dunha longa lista de publicacións de literatura xuvenil, moitas delas ambientadas en Pontevedra como Ás de mosca para Anxo (2002) ou A pomba e o degolado (2007), entre outras. O éxito das súas obras fai que moitas delas estean traducidas ás diferentes linguas peninsulares e O misterio dos fillos de Lúa (1995) foi premiado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Tamén é natural de Pontevedra Susana Fortes López, nada en 1959 e que actualmente reside en Valencia, onde compaxina o seu traballo de mestra coa súa paixón pola literatura. En 1994 publicou a súa primeira obra Querido Corto Maltés, novela galardoada co I Premio Nuevos Narradores. Tamén é autora da premiada novela Esperando a Robert Capa (2009) e foi finalista do Premio Primavera de novela e do Premio Planeta por Fronteras de arena (2001) e El amante albanés (2003), respectivamente. Na súa escrita non esquece á súa cidade natal e ambienta en Pontevedra a obra El azar de Laura Ulloa (2006).

Ao igual que Susana, Azucena Arias Correa é mestra e escritora. Filla de emigrantes galegos, naceu en São Paulo e pero pasou a maior parte da súa vida en Pontevedra, onde reside actualmente. É mestra e orientadora nun centro de ensino primario, profesora na Universidade de Vigo e escritora. As súas obras son principalmente de literatura infantil e xuvenil, pero tamén escribe poesía e propostas didácticas que levan por bandeira a innovación, a perspectiva de xénero e a animación á lectura. Como autora de literatura infantil e xuvenil publicou A cirurxiá (1998), A casa do grilo e da chicharra (2000), A cadela e o óso (2001) e Debaixo dun parasol (2017).

Elvira Ribeiro Tobío naceu na parroquia de Cerponzóns en 1971 e desde o ano 2012 reside en Vigo. Alén do seu traballo como docente e tradutora, dedica unha parte do seu tempo á olería e á cerámica, imparte obradoiros de creación literaria e animación á lectura e escribe poesía e literatura infantil e xuvenil. No ano 2005 saen á luz os seus primeiros poemarios: Andar ao leu en Axilosa, e no 2008 publica a súa primeira obra de literatura infantil: pAlAbrAs brAncAs.

Por último, tamén cómpre falar de Eva Mejuto Rial, natural de Sanxenxo e cun forte vínculo con Pontevedra. Eva é xornalista e traballou como editora en Kalandaka ou OQO Editora, ambas situadas na cidade pontevedresa. Desde 2017 coordina o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, entre outros proxectos, e forma parte da equipa de Capicúa, xestión cultural e proxectos. Está especializada en literatura infantil e xuvenil e imparte cursos de formación no mestrado Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Tamén creou a adaptación de numerosos contos tradicionais a álbums ilustrados, traducidos a máis de dez idiomas. E ademais é tradutora e autora dos libros de narrativa xuvenil 22 segundos (2017) e Memoria do silencio (2019).

Aínda que a historia ocultase a moitas das nosas escritoras, hai grandes pioneiras na creación literaria que abriron camiño para que hoxe en día poidamos celebrar o Día das Letras Galegas homenaxeando a unha muller e lendo libros escritos por mulleres. Velaquí a nosa pequena homenaxe a todas elas.

Deixa unha resposta