Herminia Fariña Cobián

Filla de Regina Cobián Tejo, natural de Meaño, e do pontevedrés José Fariña González, xeneral de infantería, a compostelá Herminia Fariña Cobián despuntou no mundo das letras desde moza. En 1919, con só 15 anos, a poeta participa nun recital no Círculo de Artesanos da Coruña, con versos en galego.

Un ano despois, a creadora forma parte dunha representación no Teatro Principal de Pontevedra xunto a Elena Amil, nun programa onde se inclúen as actuacións de Elena Malvar, Lola Lerones e Blanco Porto. Nesta velada, organizada polos funcionarios de Correos de Pontevedra en beneficio dos empregados de Hungría, representan a comedia en dous actos de Martínez Sierra El ama de la casa, con Pablo Chaves no piano. Esta non vai ser a única vez que Herminia Fariña interprete unha obra. Como dramaturga, protagonizaba sempre as súas representacións. En 1927 estrea a súa primeira obra teatral, un poema dramático titulado Margarida a Malfadada, en Santiago de Compostela. O 2 de xuño do mesmo ano lévase a posta en escena a Pontevedra, coas actrices e actores que a representaran na súa cidade natal. Na Boa Vila tamén se pode ver a posta en escena de O soldado froita, un xoguete cómico tamén escrito en galego.

Tanto Herminia Fariña Cobián como Carmen Prieto Rouco son consideradas precursoras do teatro galego, sendo das primeiras mulleres que conseguen estrear as súas obras nos anos 20. Aínda que, como ben recolle Aurora Marco no referente a Herminia, as obras teatrais probablemente non foron publicadas, o mesmo que a comedia, La marquesa de Miraflores, a zarzuela en tres actos e un cadro, O Avarento, con música do compositor José Jané ou a ópera Sangre y sol.

En 1921 é premiada por un dos seus poemas pola revista madrileña Gloria femenina. Un ano despois, o 31 de xullo de 1922, casa con Eduardo del Río Parada na Capela da Peregrina de Pontevedra. Nesta altura, Herminia xa era recoñecida como poeta sobranceira. A artista publica no mesmo ano o seu primeiro libro de poemas Cadencias, cando contaba con só 18 anos. A portada desta primeira edición foi realizada por Castelao, unha obra que tería dúas edicións máis. Dous anos despois publica un segundo libro de poemas en galego, con ilustracións de Luis Pintos Fonseca. Ambas obras son ben recibidas pola crítica.

A artista marcha para Buenos Aires, onde tamén publicará dous libros, un de poemas, Hosanna, e outro en prosa, Bajo el cielo porteño. A creadora colabora con diferentes revistas e xornais, sendo asidua en varios deles como Vida Gallega, Lar, Céltiga, La Razón ou Mundo de Montevideo, seguindo con elas incluso durante o seu período en América. Regresa de Arxentina en 1932, onde contraera matrimonio novamente, que repetirá unha terceira vez, con Isaac Sánchez Alonso, tras o falecemento do segundo marido, Pedro Fontela Camiña.

En 1951 aparece en Pontevedra un folleto seu impreso, Mensaxes de Ademiración nas festas de Vigo, con dous poemas en castelán e un en galego. A última obra que se lle coñece é outro folleto de catro páxinas, escrito nove anos despois. Nesta época xa está en Simes, Meaño, na casa da familia materna que tan bos momentos poéticos lle inspirara. Aquí morre en 1966.

O concello dedicoulle en 1995 unha rúa en Pontevedra, entre a Avenida de Vigo e o instituto Torrente Ballester, seguindo a solicitude presentada tres anos antes polo seu fillo Isaac M. Sánchez Fariña.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas