Aurora Vidal Martínez

Aurora Vidal naceu en Pontevedra o 28 de agosto do ano 1910 e morreu o 10 de maio de 2005. Estudou maxisterio na Escola Normal a inicios dos anos trinta e exerceu como mestra en centros tanto de fóra como da Galiza. Pero ademais da docencia, Aurora Vidal cultivou outra das súas grandes paixóns, a literatura.

As súas primeiras composicións literarias aparecerían en publicacións como Vida Gallega e Sonata Gallega. Sería en 1946 cando da Imprenta Celestino Peón de Pontevedra saia do prelo o seu primeiro libro, Camino de Belén, obra de teatro en nove cadros e tres actos ilustrada por Manuel Torres que se estrearía no desaparecido Teatro Malvar da cidade en 1949. A obra pon á vista a intensa relación co mundo do teatro no que, alén de autora, desenvolveu labores de escenógrafa e coreógrafa ademais de promover o Teatro Experimental da Arte do que tamén foi directora.

Sonetos Líricos, obra publicada ao igual que a inaugural obra teatral co selo da imprenta Peón en 1948, sería o seu primeiro libro como poeta antes de iniciar a súa obra en prosa con Cartas de Amor (1950) -confesionais escritos por un amor non correspondido de mocidade- e Mensaxe de Outono (1951). Con Poemas de nenos e paxariños (imprenta L. Torre, Pontedeume) inaugura en 1958 a súa obra en galego. O volume de relatos en verso Contos de rapaces (1991) e a obra de teatro Xa naceu Xesús (1993), estreada en 1987 no Teatro Principal de Pontevedra, sumaríanse á súa obra publicada.

Aurora Vidal tomaba parte da vida cultural da cidade e mantiña relación de amizade con escritores como Emilio Álvarez Negreira, Sabino Torres, Manuel Cuña Novás, Álvaro Cunqueiro ou Herminia Fariña. Proposta por Leandro Carré Alvarellos, Antonio Couceiro Feijomil e Francisco Vales foi nomeada en 1952 membro correspondente da Real Academia Galega.

Alén da obra publicada, de Aurora Vidal quedan aínda textos inéditos no domicilio familiar, entre eles, algunha obra que foi representada nos escenarios de Pontevedra como El divino caminante e Os contos do avó e unha novela rematada.

Autora: Carme Vidal

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable. Tamén forma parte do catálogo de exposición Do Gris Ao Violeta.

Biografías Relacionadas