O venres 29 de marzo preséntase na Casa da Cultura de Lérez a web dogrisaovioleta.gal O acto terá lugar ás 20.30 horas e inclúese dentro do ciclo de actividades Venres Culturais da Asociación Cedofeita.
A web dogrisaovioleta.gal recolle o labor de investigación que se veu realizando no programa A memoria das mulleres, impulsado pola Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra e que ten como obxectivo encher de contido o baleiro que as mulleres ocupaban no relato oficial.
Esta actividade forma parte dunha serie de actos que teñen como finalidade presentar a web dogrisaovioleta.gal nas diferentes parroquias do concello. Até o momento, a web foi presentada nas parroquias de Salcedo, Ponte Sampaio e Mourente e está prevista tamén a súa presentación en Santa María de Xeve, o sábado 30 de marzo.
Lérez na web dogrisaovioleta
O obxectivo desta actividade é, por un lado, dar a coñecer a web e os seus contidos á veciñanza das parroquias e, por outro, destacar toda a información que se recolle na web relativa a cada unha delas.
Lérez na web dogrisaovioleta fará un repaso pola historia recente da parroquia desde a perspectiva das súas veciñas recollida na web, das que destacan as biografías de mulleres represaliadas polo franquismo, como as de María Luísa Rodríguez Pereira, Custodia e Adelina Gama Casalderrey ou Carmen Casalderrey Dios; as de mulleres pioneiras como María del Carmen del Valle del Río; os temas relacionados coas traballadoras como o de Costureiras; os actos de homenaxe celebrados en Lérez ou os programas de radio emitidos sobre a parroquia.
