Neste momento estás a ver Coñecendo… A Coruña das Mulleres
A Coruña das Mulleres

Coñecendo… A Coruña das Mulleres

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Coñecendo… é un espazo da sección de Novas a través do que queremos coñecer e compartir o traballo doutras entidades cuxo labor se centra na divulgación da historia das mulleres desde unha óptica feminista.

Hoxe estamos Coñecendo… A Coruña das Mulleres.

Que é A Coruña das Mulleres?
A Coruña das Mulleres é un proxecto colaborativo para dar visibilidade e protagonismo ao traballo realizado por mulleres ao longo da historia. Por acoutalo, se non sería inasumible para nós, centrámonos só na historia local, as mulleres da Coruña, mulleres con algunha vinculación, nalgún momento da súa vida, coa cidade, mulleres que viviron, traballaron, foron detidas, sufriron cadea… na Coruña.

Cales son as motivacións que vos levan a comezar co proxecto?
Desde a AC Alexandre Bóveda levamos moito tempo denunciando a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial. Entendiamos que era necesario construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual que fora útil para a información, a consulta e a investigación sobre a memoria feminina da cidade da Coruña. E puxémonos a iso.
En Galiza xa existen outros proxectos que para nós son modelos do que nos gustaría facer. É o caso do desenvolvido polo Concello de Pontevedra que logo de cinco anos de traballo plasman unha gran parte do realizado na súa web Do gris ao violeta que para nós é o modelo a seguir. Somos, tamén, debedoras de multitude de traballos e investigacións realizadas que para nós foron básicas, como o Dicionario de Mulleres Galegas de Aurora Marco ou o Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega.

Como é o voso traballo? Cal é o proceso anterior á publicación dunha biografía ou dun texto sobre un colectivo?
Somos un grupo de preto de vinte persoas, maioritariamente de mulleres e de xeito colectivo, logo de varias reunións, elaboramos unha lista inicial de 150 biografías individuais e 20 colectivos laborais sobre os que queriamos buscar información e divulgar. Cada unha das participantes escolleu aquelas biografías ou temas nos que quería traballar. Temos tamén dúas persoas que exercen, dalgún xeito, a coordinación do proxecto, para ir repartindo traballo, lembrando ás participantes prazos, propostas e demais… Outra xente dedícase a facer gravacións de veciñas da cidade que nos achegan información sobre as cigarreiras, as costureiras, as lavandeiras, tamén sobre a vida dos diferentes barrios da cidade no pasado…

Que papel xoga a divulgación da memoria local nun contexto globalizado?
Volver os ollos á historia local é máis fundamental que nunca. A globalización arrasa con moitas referencias locais, nacionais que eran importantes, básicas, para saber de onde vimos, para coñecer historias heroicas de resistencia e loita que, como sociedade, debemos coñecer para contribuír ao país que queremos, feminista, democrático, orgulloso de si, do seu pasado e comprometido na construción do presente.

Como valorades a acollida do proxecto na cidade?
Moi positiva, tanto a prensa escrita como as radios fixéronse eco do noso proxecto, e con aqueles colectivos cos que estamos conectando todo o mundo recibe con moitas ganas este traballo sobre a memoria das mulleres. O proxecto A Coruña das Mulleres está comezando e precisará para levaloadiante de moita axuda de xente que queira contribuír. Neste momento ademais da web temos tamén un panel expositivo que vai rodar por toda a cidade e que até agora estivera en dúas bibliotecas municipais da cidade, na biblioteca do Ágora e a da Sagrada Familia. Este percorrido polas bibliotecas, que quedou agora interrompido, permítenos falar con xente que se achega aos encontros que facemos e ir así, escoitándonos, ampliando a memoria para construír entre todas esa historia das mulleres da Coruña.

Deixa unha resposta