Será pola mañá na Facultade de Ciencias da Educación, onde tamén haberá coloquio, e ás 20.00 horas na Casa das Campás
Novembro, mes da memoria histórica trae a Pontevedra o documental ‘Las víctimas sin llanto’ no que se dan a coñecer historias de mulleres que sufriron a represión, como as que se están a recoller no programa municipal ‘A Memoria das Mulleres’. En ambos casos sácase á luz a crúa realidade que tiveron que vivir as nais, as esposas, as fillas… despois dos fusilamentos que se viñeron sucedendo tralo alzamento fascista do 36.
Mañá haberá unha dobre cita con este filme, que se poderá ver ás 11.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e ás 20.00 horas na Casa das Campás. En Ciencias da Educación haberá un coloquio no que participará a codirectora Sara Gallardo e a protagonista do documental, Alicia Domínguez.
O documental ‘Las víctimas sin llanto’ (48 minutos. Marzo 2016), codirixido por Sara Gallardo e Vanessa Perondi, é unha cinta na que se lles da voz ás mulleres que foron vítimas dunha represión que as deixou vivas, pero que nin sequera lles permitiu chorar a perda dos seus seres queridos. Foi galardoado na ‘XII Muestra de Cine Social La Imagen del Sur 2016’, seleccionado na sección oficial da oitava edición do Festival Internacional de Cine Invisible ‘Film Sozialak’ 2016 e seleccionado tamén na 13ª edición do Festival de Cine y Derechos Humanos de Barcelona .
Dende a súa estrea, en marzo de 2016 e ata o momento, ‘Las víctimas sin llanto’ proxectouse en San Fernando, Cádiz, Terrasa, Sevilla, Córdoba, Chiclana, Barcelona e Jerez.
As autoras
Sara Gallardo é técnico superior de Realización de Audiovisuales y Espectáculos, traballou en diferentes televisións e a partir de 2010 comeza a adicarse aos documentais enfocados á consecución da igualdade entre mulleres e homes.
Vanessa Perondi é licenciada en Xornalismo, ten un máster en Cultura de Paz, Educación, Conflictos y Derechos Humanos, e é especialista en xornalismo local, provincial, laboral e memorialista. Desde 2003 traballa en medios de comunicación andaluces e é autora das reportaxes sobre memoria histórica ‘Las tres rosas de Tabacalera’, ‘El quinto hombre del pelotón’, ou ‘Venía el camión de la basura, abría el seguro y los echaba’, sobre a fosa común de Puerto Real.