Neste momento estás a ver A mirada das fotógrafas

A mirada das fotógrafas

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Ao longo da historia, a fotografía foise consolidando como documentarista dos tempos, da sociedade, das modas, dos cambios, dos roles, do cotián, da crítica social… Nese contar a historia a través das imaxes participaron de forma activa as mulleres que, ben por presenza, ben por ausencia, relatan parte da nosa historia moderna como sociedade. A presenza destácase no feito de que xa desde finais do século XIX a fotografía se converteu nunha das actividades creativas nas que se permitía a participación das mulleres. Nun tempo en que o traballo profesional delas non era ben visto, son moitas as que traballan nos talleres de fotografía do marido ou da familia, sen definir de forma precisa a súa profesión. A aparición destes estudos de retratos nas casas familiares, como negocio familiar, contribuíron a que estas mulleres puidesen consolidarse no sector, aínda que con frecuencia se asocian a labores como axudantes no cuarto de revelado, como asistentes, e despois como fotógrafas cando eles saían traballar. Esta relación de responsabilidades deixa entrever que, a pesar dos logros acadados en canto á profesionalización neste ámbito, se reproducen os roles do patriarcado vixentes na sociedade da época.

A ausencia é máis evidente. Se ben existen exemplos de mulleres que traballaron como fotógrafas xa desde finais do século XIX e que mesmo rexentaron estudos pequenos, a maioría permaneceron ocultas. Moitas fotógrafas galegas están agora esquecidas e resulta complexo coñecer de forma precisa quen foron estas mulleres, os seus traballos ou a súa relación coa fotografía, xa que apenas queda rexistro da súa actividade. Mesmo existen casos en que rexeitaban figurar como profesionais para poder seguir traballando e evitar desta forma os prexuízos imperantes. Outras, mantíñanse ocultas baixo fórmulas como Fotografía Italiana F. Prósperi y Señora. E neste anonimato agóchanse moitas vidas, que non só se limitan ao ámbito da fotografía.

No caso de Fotografía Italiana F. Prósperi y Señora, a señora era Cándida Otero Fontán. Pontevedresa de nacemento, traballou de forma activa no estudo que montou en Vigo xunto co seu marido, o fotógrafo italiano Fillipo Prósperi. O estudo converteuse nun lugar de referencia na cidade e son numerosas as notas destacadas na prensa sobre o seu traballo. No caso concreto de Cándida, son salientables as alusións ao seu labor, a pesar de ser ao seu marido a quen se lle atribúen os maiores logros. Destaca, por exemplo, a súa profesionalización na realización de fotografías de nenos e nenas, unha especialidade cualificada como un auténtico reto para as profesionais debido á dificultade que supoñía manter as crianzas quedas durante as sesións. É certo que en ocasións se asocia o feito de ser retratista de crianzas á reprodución dos roles asignados á muller na fotografía, mais tamén son de resaltar as loas que do seu traballo recibe. Non será este, no entanto, o único mérito atribuído á súa carreira e, xunto con Fillipo Prósperi, é galardoada coa medalla de bronce na Exposición Local da Coruña en 1878 e coa de cobre na Exposición Regional de Pontevedra en 1880. Para alén disto, a partir do ano 1903, despois do falecemento do marido, continúa o seu labor como profesional da fotografía durante oito anos. Quizais polo feito de se ligar o seu nome ao do marido ou pola estratexia de non autorrecoñecerse como profesional, nesta nova etapa o estudo levará o nome de Prósperi (Viuda de Felipe), como aparece rexistrada no Anuario-Almanaque del Comercio de la Industria de la Magistratura y de la Administración. Con esta mesma marca comercial vaise manter, incluso despois de se ter asociado con Pacheco en 1907, até o ano 1911, ano da súa derradeira mención.

Pilar Pintos
Retrato de Pilar realizado polo seu pai, Joaquín Pintos Amado.

Outros exemplos notables da nosa cidade son os de María Antonia Rodríguez Valero e Pilar Pintos Poncet. Da existencia de María Antonia Rodríguez Valero sabemos polo marido, o fotógrafo Patricio Bocconi Camisani, e polo seu fillo Aquiles, mais poucos son os datos concretos sobre ela e o seu traballo. Nai e fillo mantiveron o estudo de fotografía pouco despois do falecemento do marido de María Antonia no ano 1878, cando deciden trasladarse a Ourense. Pilar Pintos Poncet abandonou a súa paixón, o piano, para se facer cargo do estudo que seu pai tiña no número 36 da rúa Michelena. Pilar, con carné de fotógrafa profesional, dedicouse a facer fotografía de estudo, revelados, ampliacións… e mesmo “copias” de documentos até que no ano 1989 pecha o negocio.

Maria Caldarelly
Maria Caldarelly

Fóra da nosa cidade, queremos deter a nosa ollada noutras fotógrafas galegas (ou que tiveron relación con Galiza) cuxo labor acada a día de hoxe unha gran magnitude. É o caso, por exemplo, de María Cecilia Cardarelly Bousquet, zaragozana de nacemento, que se instala coa familia en Santiago de Compostela no ano 1854 e que pasará á nosa historia como a autora de dúas fotografías dunha importante transcendencia por seren retratos de Rosalía de Castro. Ademais destas dúas, existe unha terceira fotografía dunha nena duns cinco ou seis anos, de corpo enteiro, da que se presume que podería ser a filla da escritora, Alejandra Murguía de Castro.

A ollada destas mulleres ficou inmortalizada nas súas imaxes e, con ela, a forma en como percibían o contorno que as rodeaba, como o vían, como o sentían ou como o querían transmitir. Son moitas outras as miradas ocultas sobre as que pouco a pouco se abre o obxectivo, como as rescatadas por Fernanda Padín Ogando en Fotógrafas Pioneiras, onde descubrimos outras pioneiras galegas como foron Luísa Pardo Campos e Rosina Pardo Durán, que exerceron a súa profesión de retratistas desde as primeiras décadas do século XX no estudo familiar situado en Mondariz Balneario; Maruja Roca, quen nos anos 40 retratou a sociedade de Becerreá, onde ela residía, con especial interese polos retratos de mulleres; Celia Ínsua, pioneira fotógrafa e retratista que exerceu durante máis de quince anos en Viveiro; Juana Cabello, que tivo un estudo propio en Santiago de Compostela; Corona González Santos, que publicou na revista Vida Gallega unha das súas reportaxes fotográficas; Filomena Díaz, que tamén rexentaba un gabinete fotográfico, neste caso en Mondoñedo; Antonia Santos García, coñecida como a fotógrafa do carlismo mindoniense, foi unha das primeiras fotógrafas profesionais galegas de mediados do século XIX; ou Mary Quintero, natural de Melide e cunha traxectoria de máis setenta anos de profesión.

Ruth Matilda Anderson
Ruth Matilda Anderson

Na nosa memoria colectiva temos tamén un oco para a grande antropóloga americana que nos anos 20 do século XX percorreu camiños e carreiros para nos deixar como legado o gran retrato da sociedade da época. A singularidade e a familiaridade do ollar alleo sorprende nunhas imaxes cargadas de realismo e proximidade. Referímonos a Ruth Matilda Anderson, que cambiou o seu desexo inicial de ser mestra para se dedicar á fotografía, arte na que se iniciou da man do seu pai, Alfred Theodore Anderson. A súa formación completaríase posteriormente con estudos de diplomatura na Escola de Fotografía Clarence H. White, en Nova York. Ruth Matilda viaxou por Galiza entre os anos 1924 e 1926. Na primeira expedición calcúlase que tomou unhas 5.200 fotografías, das cales moitas aínda non se coñecen. Nunha segunda viaxe engadiu outras 2.800 fotos. As súas imaxes retratan, maiormente, o ámbito rural e os oficios tradicionais, o que a converte en documentalista gráfica de toda unha época. América en Galiza. Lonxe de exercer unha mirada distante, durante a súa estancia interesouse pola nosa historia e a literatura, e parece ser que foi lectora de Manuel Murguía e de Rosalía de Castro.

Con todo, a pesar destes esforzos por amosar a outra realidade silenciada, son aínda poucas as fotógrafas que forman parte da historia da cultura fotográfica, e da galega en particular. En certa medida débese a que, co tempo, conforme a fotografía se foi profesionalizando, tamén se foi masculinizando. Pero, sobre todo, é o resultado dun discurso creado por quen oculta unha parte da nosa historia colectiva, aquela na que as mulleres somos protagonistas. Nós podemos volvela escribir, incorporar a nosa mirada, sinalar outras realidades co noso obxectivo.

Deixa unha resposta