Neste momento estás a ver Pontevedresas na ciencia

Pontevedresas na ciencia

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Neste mes de febreiro que hoxe remata celebrouse o Día da nena e a ciencia e desde A Memoria das Mulleres queremos contribuír a divulgar a biografía dalgunhas das científicas pontevedresas máis destacadas.

O papel das mulleres na ciencia e na investigación sempre estivo relegado a un segundo plano e, moitas veces, viron como se asignaba o crédito do seu traballo aos homes, de forma que o seu labor era invisible. As mulleres foron rachando cos moitos obstáculos cos que se atoparon pero neste campo continúa a primar a desigualdade. Buscando dar visibilidade e recoñecemento ao traballo pioneiro das científicas galegas ten lugar, desde 2007, a entrega do Premio María Wonenburger ás investigadoras salientables no seu campo, cuxo nome se debe á matemática oleiresa María Wonenburger, pioneira e referente internacional no eido das ciencias.

Inmaculada Paz Andrade
Inmaculada Paz Andrade

A primeira galardoada con este premio foi Inmaculada Paz Andrade, investigadora pontevedresa nada en 1928, que chegou a converterse na primeira muller catedrática de Física da Universidade de Santiago de Compostela. Está especializada en microcalorimetría e as súas investigacións céntranse na termodinámica aplicada, os estudos calorimétricos e as determinacións de calor específico de sólidos e líquidos. En 1999 comezou a desenvolver proxectos de investigación relacionados cos incendios forestais en Galiza e creou o grupo THOR, un dos seus maiores proxectos, que se encarga de elaborar ferramentas informáticas para a loita integral contra os lumes. Sen dúbida, estamos ante unha muller que tivo un gran papel no desenvolvemento da física aplicada, que conseguiu abrirse camiño dentro dun campo dominado polos prexuízos de xénero e converterse nunha científica referente a nivel internacional.

A pesar de a historia demostrar que as mulleres tiveron un importante papel no desenvolvemento das diferentes disciplinas científicas, a discriminación sistemática que afastou as mulleres do espazo público silenciou o éxito do seu traballo. Xerouse así unha gran desigualdade neste campo e, deste modo, as mulleres científicas non existen na memoria colectiva, agás contadas excepcións. Para contribuír á divulgación dunha parte importante, pero agochada, da nosa historia, cómpre achegármonos a científicas e investigadoras como Ángeles Alvariño, natural de Ferrol e pioneira da oceanografía; a ourensá Antonia Ferrín Moreiras, que se converteu na primeira astrónoma galega, ou Ángela Ruiz Robles, a ferrolá que inventou a enciclopedia mecánica.

Alicia Estevez Toranzo
Alicia Estévez Toranzo

Aínda que tampouco debemos esquecer a nosa historia recente e necesitamos dar visibilidade ao papel que desempeñan actualmente as mulleres na innovación e a investigación científicas. Entre elas, destacan figuras como Alicia Estévez Toranzo (1955), catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela desde 1991 e directora do Grupo de Patoloxía en Acuicultura nesta universidade. Centra as súas principais liñas de investigación na patoloxía bacteriana en acuicultura e promoveu unha decena de patentes de vacinas que preveñen enfermidades en peixes de consumo diario. Na actualidade, estuda a influencia do cambio climático na aparición de enfermidades nos peixes. Alén disto, é a segunda muller en formar parte da Real Academia Galega de Ciencias e en 2017 ingresou na Academia de Farmacia de Galicia.

Carmen Martínez Rodríguez
Carmen Martínez Rodríguez

Bióloga tamén é Carmen Martínez, pontevedresa de adopción nada en Cargas de Narcea en 1961, interesada en botánica e fisioloxía vexetal. Esta doutora en Bioloxía realizou unha pioneira labor de investigación na recuperación e conservación das variedades autóctonas de vide galega e asturiana, impulsando o sector vitivinícola desde o ámbito científico. É actualmente investigadora científica do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia e compaxina a súa investigación vitícola co estudo das variedades autóctonas da oliveira galega.

Outra investigadora pontevedresa que non debemos deixar atrás é María Elena Vázquez Abal, nada en Pontevedra en 1960 e doutorada en Matemáticas. Actualmente é profesora titular na área de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago e a súa investigación céntrase na xeometría diferencial. Ademais, de ser unha recoñecida investigadora, é presidenta da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedad Matemática Española e desenvolve unha grande actividade divulgadora con grupos escolares, participando en diversas actividades para fomentar as vocacións femininas na ciencia.

Elena Vazquez Abal
Elena Vázquez Abal

Malia os avances na igualdade entre mulleres e homes, a presenza feminina na ciencia continúa a ser escasa e a falta de referentes femininos bloquea a incorporación de mulleres ás carreiras científicas e tecnolóxicas. É por isto que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu o 11 de febreiro como o Día Internacional das Mulleres e das Nenas na Ciencia, co obxectivo de concienciar a poboación da desigualdade existente neste campo e lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, rachando coa idea de que ciencia non é cousa de mulleres.

 

Deixa unha resposta