Cándida Otero Fontán

Cándida Filomena Otero Fontán naceu o 28 de outubro de 1846 en Pontevedra. Os seus pais foron Isidro Otero de Dios, perito da xunta de avaliación, e Sebastiana Fontán Barcia, quen administraba a casa. A fotógrafa viviu coa súa familia, de clase acomodada, na rúa Sarmiento da cidade histórica. Era a cuarta irmá. Antes naceran Pilar, mestra de ensino primario, Dolores e Victoriano, médico. Na igrexa de San Bartolomeu tivo lugar o seu bautismo e, en 1869, casou co actor, produtor e fotógrafo Felipe (Filippo) Prósperi. Ela contaba con vinte e tres anos e el con cincuenta e dous.

En 1876, o estudo olívico montado polo marido seis anos antes pasou a denominarse Fotografía Italiana F. Prósperi y Señora, incorporando a Cándida, chegada recentemente da capital pontevedresa. Ata esta data, presuponse que posiblemente ela seguira co negocio fotográfico da rúa Parador, montado por Felipe en 1867, aínda que non hai moitos datos da súa vida nesta época. Coa chegada de Cándida, unida á evolución demográfica e ao desenvolvemento de Vigo, comezou un aumento da clientela ao gabinete fotográfico.

O marido empezou a recoller imaxes da vida social viguesa que despois quedaban plasmadas en postais que se vendían. Mentres el exercía de foto-reporteiro, Cándida traballaba no estudo.

A introdución de innovacións tecnolóxicas nos procesos fotográficos foi constante no estudo da parella. Así, ofertaron novidades á clientela como a fotografía de luz e sombra (retratos) e as imaxes conseguidas co uso da marfilotipia, técnica que permitía o achegamento á cor real tomada do natural, da que o establecemento tiña a exclusividade en Galicia desde 1879. Despois engadiron a fotografía con bromuro de prata, que resistía mellor o paso do tempo e o proceso xelatino-bromuro que, rebaixando o tempo de exposición, conseguía fotografar máis clientela. Ou incorporan a ferrotipia, que permitía reducir custes, facendo ata nove retratos en miniatura por só unha peseta.

Xuntos participaron na Exposición Rexional de Pontevedra de 1880, con dous cadros de fotografías e tres ampliacións realizadas coa técnica do marfilotipo, que destacaron pola afluencia e interese do público. Ambos foron premiados a nivel individual cunha medalla de bronce, o mesmo galardón que Cándida recibira dous anos antes, da sección de Belas Artes, nunha exposición celebrada na Coruña, onde concorreu cun cadro de vite e unha fotografía infantil.

No ano 1888, o matrimonio abriu un novo estudo na pontevedresa rúa da Oliva: “Un gabinete fotográfico montado con arreglo a los últimos adelantos“. Segundo se sinala na prensa da época, as señoras eran retratadas pola esposa do señor Prósperi, é dicir, por Cándida Otero. A estas alturas, a fotógrafa xa tiña gañada unha boa reputación profesional entre a clientela cos seus retratos infantís e de mulleres. Esta pode ser unha das razóns que levan a parella a establecerse na cidade natal de Cándida. Alí existía unha forte demanda da poboación burguesa que gusta de grandes retratos, posibles grazas ás tecnoloxías utilizadas polos fotógrafos en Vigo. Sen estar de todo claro as razóns do peche, dous meses despois da súa inauguración, a prensa recolle o traspaso na Boa Vila do negocio.

Tras a morte do marido, Cándida Otero continuou durante oito anos máis en solitario co estudo fotográfico da segunda planta do número 31 da rúa Príncipe como Viúda de Prósperi. Aquí instalárase a parella definitivamente en 1885, contando cun escaparate no baixo do edificio, onde exhibían as imaxes que tomaban, sendo moi visitado pola poboación local. En 1901, Cándida Otero asociouse ao fotógrafo portugués Jaime de Sousa Guedes Pacheco, pasando o negocio a chamarse Pacheco y Viúda de Prósperi.
Coa introdución da parte gráfica en revistas, Cándida e o seu home colaboraran con fotografías en La Ilustración Gallega y Asturiana, e xa como viúva, co seu socio, realizaron fotografías para Vida Gallega. Esta colaboración vai ser efectiva desde 1910 ata o 20 de decembro de 1914, cando se leva a cabo a última, pouco antes da morte da fotógrafa.

Tras o seu falecemento e ao non ter descendencia, o arquivo fotográfico do matrimonio pasou a engrosar o do propio socio, que como Arquivo Pacheco e de Prósperi e Señora, pasou a mans municipais en 1991. Entre outras entidades, o Museo de Pontevedra alberga imaxes tomadas pola parella.

Observación. A principal fonte para a elaboración desta biografía foi a achegada pola profesora Fernanda Padín Ogando, quen documenta a vida e obra de fotógrafas pioneiras na web http://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2017/11/26/candida-otero-ii/

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas