O programa A Memoria das Mulleres, promovido polo concello de Pontevedra, edita catro novos recursos lúdicos, unha aposta pola adaptación dos contidos máis profundos e de investigación do proxecto ás novas linguaxe dixitais. Deste xeito, dáse continuidade a unha liña aberta en 2021 coa creación dun xogo de preguntas que permitía coñecer os perfís de mulleres ilustradas mural ‘Mulleres de Pontevedra na Historia’.
As catro creacións que agora se presentan, ademais de ligar coa preservación e transmisión da memoria, gardan un obxectivo educativo, apostando por valores como a equidade de xénero, a capacidade de pensamento crítico, polo que resultan de especial utilidade para o público xuvenil, o que incide na vocación didáctica e divulgativa do proxecto.
Estes recursos lúdicos están dispoñibles para calquera persoa que desexe achegarse á historia das mulleres de Pontevedra no portal www.dogrisaovioleta.gal, sección de recursos-xogos.
En concreto, as propostas son as seguintes:
Coñeces a…?: Xogo introdutorio para descubrir algunhas das protagonistas da historia da cidade. Permitirá pórlles rostro ademais de acceder ás historias das súas vidas a través do relato de creadoras de contidos dixitais en redes sociais.
As corseteiras: Este xogo viaxa á década dos anos 30 en España para coñecer o contexto histórico e indagar na figuras das Corseteiras, coñecidas polas accións de apoio e solidariedade ás persoas represaliadas polo réxime franquista.
Mulleres con R: Na procura de referentes femininos afastados dos canóns predominantes, este xogo convida a descubrir os perfís de cinco mulleres relacionadas con Pontevedra que fixeron das súas vidas actos de rebeldía, resistencia ou reivindicación.
Aloita: O Franquismo foi un sistema represivo e opresor. Con todo, non conseguiu calar e aplacar moitas loitas do cotiá nas que as mulleres foron protagonistas. Estes xogo propón un percorrido por algúns dos principais loitas encabezadas por mulleres no concello de Pontevedra.
Esta iniciativa foi desenvolvida por MAOS Innovación Social, S. Coop. Galega para o Concello de Pontevedra en 2023.