Neste momento estás a ver Preséntase a obra de Josefina Arruti en banda deseñada
Presentación da banda deseñada sobre Josefina Arruti

Preséntase a obra de Josefina Arruti en banda deseñada

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

O concelleiro de Memoria e Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra, Xaquín Moreda, presentou este martes 24 de novembro a banda deseñada sobre a vida de Josefina Arruti Viaño, titulada ‘Os berros da bicicleta’.

A obra foi realizada por Kiko da Silva, responsable do guión, e por Pablo Prado, autor dos deseños e, segundo declaracións de Xaquín Moreda, pretende ser “un antídoto contra o resurximento do fascismo” co que se quere achegar a mocidade á Memoria Histórica. Segundo explicou o concelleiro, dentro do programa municipal ‘A Memoria das Mulleres’ bótase man do formato da banda deseñada para “achegar a mocidade á historia da cidade con perspectiva de xénero a través das súas linguaxes”, ao igual que se fixo con outras iniciativas como os talleres de rap realizados en centros educativos no curso pasado ou o mural da Señora Lola, realizado polo pintor Yoseba Muruzábal diante do Estadio de Pasarón.

A elección da figura de Josefina Arruti como protagonista, en palabras do concelleiro, está xustificada xa que a súa vida “simboliza a magnitude do drama que tiveron que soportar as mulleres no franquismo, unhas veces por ideoloxía e outras simplemente por parentesco con homes perseguidos”. Josefina Arruti, casada co alcalde republicano de Pontevedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall, estivo encarcerada durante 18 meses e case dous anos máis sometida a arresto domiciliario na actual rúa de Benito Corbal, xunto cos seus tres fillos pequenos.

Pola súa parte, Kiko da Silva falou do esforzo que supuxo a realización desta obra, que implicou un traballo de documentación exhaustivo que se prolongou durante dous anos. Ademais, o libro inclúe referencias á Pontevedra dos anos 30, a feitos históricos como o asasinato de Alexandre Bóveda, instantáneas do álbum familiar da propia Josefina e mesmo a correspondencia co seu esposo que se conserva no Arquivo do Museo de Pontevedra.

A edición contará cunha tirada de mil exemplares que serán distribuídos nas bibliotecas e nos centros educativos pontevedreses e este domingo será presentada na programación do Culturgal. Dentro do programa ‘A Memoria das Mulleres’ tamén está previsto que o próximo venres se instale un panel explicativo coa vida de Josefina Arruti na avenida que leva o seu nome.

Deixa unha resposta