Desde a súa expansión e consolidación, a Internet converteuse nunha ferramenta imprescindible á hora de procurar información. Na rede, unha das referencias indiscutibles (e das páxinas con máis consultas a nivel internacional) é a Wikipedia, a enciclopedia libre con código copyleft que nace no ano 2001 e que se edita de forma colaborativa. Na súa edición en galego recibe o nome de Galipedia. E por que estamos a falar disto? Pois porque sendo unha referencia a nivel mundial, neste novo artigo do programa A Memoria das Mulleres quixemos parar e indagar sobre a presenza das mulleres nos contidos desta enciclopedia e contrastar se a fenda de xénero se reproduce tamén no medio dixital.
Se ben nun primeiro momento a nosa ollada se centrou na información recollida, conforme avanzamos na busca descubrimos que este tema era obxecto de amplas reflexións e reivindicacións. Estas achegas non se limitaban exclusivamente á presenza ou ausencia de biografías ou ao tratamento da información nos seus artigos, senón que se detectaron outros problemas de fondo, como a desproporcionalidade en número entre homes e mulleres editoras.
A nosa referencia para a análise partía da páxina web do programa (dogrisaovioleta.gal) e, por ser o mes de publicación do artigo, escollemos como punto de partido o mes de xullo. Durante este mes, a relación de mulleres que aparecen na web é a seguinte:
- En xullo de 1911 falece a música e pintora María López Sanmartín.
- O 16.07.1909 falece a creadora e pintora Severina Martínez Cerecedo.
- O 20.07.1892 Amelia Sobral e Otilia Meis, entre outras, foran algunhas das pontevedresas que amosaron o seu respaldo á II República baixando o 20 de xullo de 1936 desde Salcedo e Mourente para defender o Goberno Civil e o Concello dos militares golpistas.
- O 22.07.1892 as vendedoras comezaron unha guerra a pedradas nos fielatos (onde se pagaban arbitrios) da Ponte do Burgo e da praza de San Xosé.
- O 23.07.1936 a represión xurdida en Pontevedra a raíz do golpe de estado do 36 afectou a varios membros da familia Tomé Loureiro, alcumada “das Ranghas”. Pouco tempo despois do golpe, o 23 de xullo de 1936, foron detidos a nai, Aurora Loureiro, dous dos seus fillos e dúas fillas.
- O 25.07.1933 Pilar Bértola recita no Centro Galego con grande éxito.
- O 26.07.1936 son detidas As Corseteiras.
Non era a nosa pretensión encontrar as biografías destas mulleres mais si que as quixemos contrastar coa información da Galipedia e descubrimos que apenas se fai referencia a Pilar Bértola. Ademais, na maioría das buscas, ofrécesenos como alternativa ao nome procurado algunha referencia masculina que por nome ou apelidos podería encaixar nos termos da busca. Dalgunha maneira, na Internet podiamos intuír a reprodución daqueles nesgos sociais existentes, sen espazo para amosar esa outra realidade latente e puxante que esixe, como debe ser, o dereito a estar, a existir.
Unha vez neste punto, é preciso aclarar que todo isto que estamos a contar non é unha ocorrencia fortuíta senón que responde a unha intencionalidade clara: por unha parte, denunciar a reprodución dos roles no eido dixital e, pola outra, amosar o loable traballo de visibilización que moitas mulleres están a desenvolver neste ámbito. O que se pretende, pois, é darlle continuidade aos esforzos que desde diferentes colectivos se están a realizar de cara a conseguir a igualdade no tratamento e no recoñecemento das mulleres na rede.
En Galiza, unha destas tentativas foi a iniciativa impulsada en 2018 pola Biblioteca Universitaria e a Oficina de Igualdade da USC, coa colaboración da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (Amit-Gal), que puxeron
en marcha a Editatona, unha proposta coa que se buscaba editar e mellorar de forma colectiva as biografías de científicas pioneiras en Galiza que foran estudantes na USC, así como dar a coñecer as achegas destas mulleres á ciencia. Atendendo á temática, esta actividade enmarcouse dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional das Mulleres e das Nenas na Ciencia. Grazas a esta convocatoria, ampliáronse ou melloráronse as biografías de científicas como Ángeles Alvariño, Manuela Barreiro, Elisa e Jimena Fernández de la Vega, Antonia Ferrín, Inmaculada Paz Andrade (pontevedresa de nacemento) ou Olimpia Valencia. Pero, ademais deste labor de revisión e ampliación, foron incorporados á Galipedia novos perfís de investigadoras até ese momento ausentes, como: Dolores Lombardero, Josefa Ron Noya, Ana Crespo, María de la Concepción Carnero Valenzuela, Irene Lucía Álvarez Veras, Luisa Cuesta Gutiérrez, Tarsy Carballas Fernández, Ramona Vaamonde Fernández, Gueraula Codines, Manuela Barreiro Pico, Dolores Lorenzo Salgado ou María Rosario Aida Méndez Miaja. Até un total de 23 científicas estrearon, grazas a esta iniciativa, unha páxina nova na Galipedia.
A orixe e transcendencia desta iniciativa non se limita a Galiza nin ao ámbito do coñecemento científico, senón que forma parte dunha tentativa global na que se traballa de cara a mudar a forma en que a historia continúa a ser escrita aínda a día de hoxe. Segundo publicou El País nun artigo de 2018, nunha enquisa realizada pola Fundación Wikimedia no ano 2011, destaca que só o 17% das biografías da Wikipedia eran de mulleres. Entre os motivos que se sinalan para explicar esta baixa porcentaxe indícase, por parte das autoras, a ausencia de referencias académicas e xornalísticas sobre as mulleres, feito este que dificulta a súa validación na comunidade da Wikipedia.
A nivel galego podemos destacar tamén a existencia desde febreiro de 2017 de Wikimulleres, un proxecto que centra a súa actividade na creación e ampliación de contidos sobre mulleres, nas biografías e non só; no fomento da participación para incrementar o número de mulleres editoras (unhas das eivas principais do proxecto Wikipedia); e na revisión da perspectiva empregada na redacción dos artigos, traballando para mellorar a visión de xénero. Ademais de Wikimulleres, este proxecto conta con outras seccións que inciden neste propósito de favorecer a igualdade no marco da Wikipedia. E así temos o Wikiproxecto feminismo, que ten como obxectivo o
de crear, ampliar e mellorar todos aqueles artigos sobre feminismo na Galipedia; o Wikiproxecto galegas, cuxo propósito é o de crear e mellorar artigos relativos a mulleres de Galiza; ou a creación virtual na Galipedia das Entradas do Dicionario de mulleres galegas, de Aurora Marco. En todos os casos, as editoras e os editores da Galipedia asumen o compromiso cos principios do proxecto ao faceren visibles os diferentes selos que se vinculan coa iniciativa.
Fóra de Galiza son tamén moitas as persoas e os colectivos que traballan intensamente e que realizan maratonas e outras actividades destinadas a contrarrestar este balance negativo, por exemplo, ao crear novas entradas de mulleres na Wikipedia e editar algunhas das que xa existen para mellorar su contido. A nivel estatal algunhas destas iniciativas son Wikimujeres, WikiEmakumeok ou Wikidones e a nivel internacional atopamos outros exemplos, como WikiProject Women in Red, Projet:Les sans pagEs ou o Progetto:WikiDonne. Tamén ao abeiro desta premisa xurdiu no ano 2013 a campaña Art+Feminism, unha iniciativa para mellorar a cobertura das mulleres cis e transxénero, o feminismo e as artes na Wikipedia.
As estatísticas son claras e amosan esta realidade en números e porcentaxes. Así, no día 1 de febreiro de 2021 había na Wikipedia un total de 38.493 biografías, das cales só 7.096 eran de mulleres, o que supón o 18,43 %. E este dato, que a priori é negativo, representa tamén os avances introducidos no tratamento que se fai das mulleres na rede, en concreto na Wikipedia, pois desde o ano 2017 (29.001 biografías, das que 4.012 eran de mulleres, o que supuña o 13,83%), esta porcentaxe foi en constante aumento.
Pois ben, un dos motivos (entre outros moitos) que explican esta menor presenza das mulleres na Wikipedia en xeral responde ao destacable feito de que unicamente unha de cada dez persoas que editan nesta enciclopedia é muller. Isto supón que as mulleres representan unha porcentaxe inferior ao 10% entre as persoas que editan. Neste sentido, e á vista dos datos, a tradución sería que máis do 90% das persoas que editan na Wikipedia son homes, que son quen elaboran e deciden que está ou non presente, o que contribúe á reprodución da fenda de xénero no tratamento dos contidos.