Neste momento estás a ver A Pontevedra exiliada protagoniza o #MesdaMemoria
20201030 134807

A Pontevedra exiliada protagoniza o #MesdaMemoria

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

O concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda presentou a semana pasada a programación que organiza o Concello ao longo de todo o mes de novembro para conmemorar o que denominou o “Mes da Memoria” e que este ano terá como tema principal a Pontevedra exiliada. Moreda explicou que “queremos lembrar non só ás familias afectadas polo drama do exilio senón tamén a aquela Pontevedra de comezos de século na que agromaban iniciativas artísticas, políticas, culturais e sociais como a Pontevedra da Xeración Nós”.

O primeiro dos actos programados tivo lugar o xoves 5 de novembro ás 20h no Teatro Principal e, través do fío condutor da radio, homenaxeáronse as familias pontevedresas que padeceron o exilio. “Escollemos a radio pola importancia que tivo para a Galiza exiliada, fundamentalmente a que escolleu os países de América do Sur” indicou Xaquín Moreda. Neste acto participaron tanto o alcalde da cidade como dúas netas de exiliadas, Elisabete Ares Licer, neta de Elisa Rosa Venta Pintos, que estivo en directo no Teatro Principal e, a outra, Ana Paula Mejuto que enviou a súa participación en vídeo desde Buenos Aires, a onde emigrou a súa avoa Alejandra Nogueiras. Aquí podemos escoitar de novos algúns dos audios utilizados no acto (voz de Andrea Fernández Maneiro):

O concelleiro explicou que este ano volverá editarse unha publicación onde se recolle un breve percorrido polas familias pontevedresas que se viron afectadas polo exilio atendendo a diversos perfís: o exilio das ideas, como o caso de Castelao ou Taffal, o exilio da arte, como o pintor Arturo Souto ou Leopoldo Nóvoa, ou o exilio de familias de perfil máis obreiro como os Gama ou os Magdalena.

O segundo acto será a tradicional ofrenda floral aos 12 pontevedreses asasinados o 12 de novembro de 1936. Terá lugar no monólito instalado na pasarela Doce de Novembro, 0 xoves 12 ás 19h, e está prevista a intervención de Begoña Caamaño, neta de Amancio Caamaño, un dos doce fusilados.

A terceira semana está prevista a proxección do filme ‘Nación’. Será o venres 20 ás 20h no Teatro Principal e trátase dunha película dirixida por Margarita Ledo e rodada en Ponte Sampaio. Céntrase na fábrica de louza ‘A Pontesa’ e na vida das mulleres que traballaron nela, abordando cuestións como o dereito ao voto ou o acceso ao traballo asalariado.

Os últimos actos, terán lugar o venres 27. Pola mañá inaugurarase un panel explicativo sobre Josefina Arruti na rúa que leva o seu nome, e pola tarde no Culturgal presentarase un cómic sobre a súa vida, realizado por Kiko Dasilva e titulado ‘Os berros da motocicleta”.

Deixa unha resposta