Neste momento estás a ver ‘A memoria das mulleres’ rescata o léxico das últimas costureiras pontevedresas
Léxico de costureiras

‘A memoria das mulleres’ rescata o léxico das últimas costureiras pontevedresas

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios
  • Costureiras de Mourente, Lérez e Santa María de Xeve participaron no traballo de campo que recolle e documenta o vocabulario profesional que se utilizaba no oficio da costura
  • ‘Léxico de costureiras’ é ademais unha homenaxe á dedicación e profesionalidade das mulleres que se dedicaban ao oficio da costura, tradicionalmente invisibilizado

A Concellaría de Memoria Histórica, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, incorpora ao programa ‘A memoria das mulleres’ un traballo de recollida e documentación sobre o vocabulario que se utilizaba no oficio da costura. A investigación leva por título ‘Léxico de costureiras‘ e rescata palabras, expresións e mesmo coñecementos que están a piques de perderse por mor da desaparición da práctica da costura nos domicilios, tal e como se realizaba case ata finais do século pasado. A investigación, realizada por MAOS Innovación Social, xorde durante un traballo anterior no mesmo programa no que participa un grupo de costureiras de Lérez e no que se puxo de manifesto que moitos dos termos que utilizaban cando falaban entre elas son xa descoñecidos na sociedade actual. Así, tanto en grupos como de xeito individual, realizáronse xuntanzas e entrevistas con costureiras de Lérez, Mourente e Santa María de Xeve co obxecto de rescatar a denominación de utensilios, tipos de tecidos, prácticas máis comúns e, mesmo, o nome das pezas que conforman as distintas prendas.’Léxico de costureiras’, seguindo a filosofía do programa ‘A memoria das Mulleres’, contribúe á construción dun fondo documental co que favorecer o coñecemento e difusión da historia, desde distintos ámbitos, das mulleres en Pontevedra. Este traballo supón, ademais, unha homenaxe á dedicación e profesionalidade das mulleres que se dedicaban ao oficio da costura.

A invisibilización

A costura foi ademais un deses oficios tan feminizados como invisibilizados. A maioría das costureiras aprendían xa de nenas e comezaban a traballar desde idades moi temperás e, na maioría dos casos, desde os seus propios domicilios.A práctica da costura desde a casa particular quedaba á marxe de horarios e dereitos laborais, e non soía ser unha práctica exclusiva senón que se compatibilizaba con outros traballos relativos á crianza de fillos e fillas e á tarefas do fogar. Aínda que cara finais de século, algunhas chegaron a empregarse en talleres con condicións laborais bastante precarias, a presenza das grandes industrias do téxtil supuxo un cambio drástico na forma de consumo que deixou obsoleta a práctica da costura desde as casas. Neste sentido, ‘Léxico de costureiras’ non só recolle o vocabulario dun oficio, senón que tamén documenta as condicións de vida dun tempo (a través das formas de vestir e os traballos que implicaban) xa practicamente descoñecido para as xeracións máis novas.

Accede ao PDF do ‘Léxico de costureiras’ premendo aquí.

Deixa unha resposta