Presentación do libro ‘Mourente nos anos do medo’

A parroquia de Mourente saldou a súa débeda coas familias e veciños loitadores que hai 80 anos sufriron as fatídicas consecuencias por pensar diferente cos demais, por crer nun futuro mellor para todos e loitar por uns valores democráticos. O pasado venres, a Sociedade Cultural de Mourente acolleu a presentación do libro ‘Mourente nos anos do medo’, unha publicación do historiador Xosé Álvarez Castro (máis coñecido polos veciños como Pepe do Ruzo, pois criouse en Cons) necesaria para enterarse do que pasou en Mourente no ano 36 e no tempo que veu despois. “Mourente, xunto con Lérez e Salcedo, estivo moi afectada pola represión, porque había moitos líderes sindicais, agrarios e obreiros”, indicou o autor.

“A historia que nos contaron é a do lado dos vencedores. Non houbo un levantamento do exército, senón un golpe de Estado. A república daba pe á reforma agraria, á reforma militar, á separación de igrexa e estado. Daba a posibilidade de que o mundo obreiro participase na vida política, de que a muller adquirira unha serie de dereitos… e as clases altas viron ameazados os seus privilexios. Por iso as principais vítimas foron os militantes de grupos obreiros e agrarios e a burguesía que os apoiaba”, indicou Álvarez.

Oito paseados e un fusilado por consello de guerra houbo na parroquia de Mourente, na que a Garda Cívica, dirixida por Victor Lis, sementaba o terror e facía que a historia se volvese do revés: eran os rebeldes os que xulgaban por rebelión aos defensores da legalidade.

Ao comezo do acto, o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, falaba dunha obra de xustiza e reparación para as familias. “O da memoria é un deber ético,cidadán e político. Non pode haber unha sociedade democrática dende o silencio ou o esquecemento. Hai que exercer a memoria para construír o presente e o futuro. Aínda queda moito por facer, como borrar as condenas nas que escribiron ‘delito de traizón’” cando os afectados “eran os defensores dos valores democráticos”, indicou Bará.

A memoria ten unha función “reparadora, terapeutica e curativa” para as familias que sufriron a perda dos seus seres queridos e que despois se viron sometidos á humillación, ao silencio e ao esquecemento. “So as familias saben a dor que teñen dentro e as cicatrices que, despois de tanto tempo, aínda é necesario curar”, dixo e recordou que se trata “dunha historia das que temos que estar inmensamente orgullosos”. Bará animou a seguir reconstruíndo tamén a memoria das mulleres “abrindo as portas da casa e tamén as da dor, as do corazón”.

Carlos Morgade, presidente dos comuneiros de Mourente, recordou a segunda República como unha etapa de ilusión e esperanza para as clases baixas “que pensaron deixar atrás a fame e a opresión” que se viu truncada por unha guerra que impediu o progreso do país, na que “xente que agora ten monumentos matou a persoas boas” e que non chegou a Pontevedra, “porque aquí non houbo guerra. Aquí os lobos sairon aos camiños a matar aos que non tiñan as mesmas ideas ca eles”.
Lembrou Morgade que de novos escoitaban polo baixo historias a medio contar: de Pacheco, de Ruibal, de Chacón, de Ramón de Valenzuela…. “e se preguntabamos máis os ollos enchíanse de tristura e daban o consello de non remexer no pasado. Iso é medo. Criáronnos no medo, no silencio, no descoñecemento. E ainda hoxe hai xente que prefire non acordarse de nada. Hai que botalo fora, porque iso non nos deixa ser libres. É unha obriga cos nosos fillos e coas familias perseguidas. Calar hoxe é manter a versión manipulada, e iso fainos cómplices das falsedades”.

“O 1º de maio de 1914, que casualidade, poñíase a primeira pedra deste edificio, que trece anos despois foi a Sociedade de Agricultores de Mourente. Era centro cultural, tiña veladas musicais e había xente analfabeta preparando obras de teatro en verso”, recordou Morgade. No ano 1936 todo rematou e mesmo se queimou a biblioteca que había dentro.

Comparte!

Deixa unha resposta