Accións no espazo público – A memoria das mulleres

Este mapa recolle accións de recoñecemento realizadas no espazo público polo programa ‘A memoria das mulleres’ , do Concello de Pontevedra. Estas accións teñen como finalidade situar as mulleres -con nome propio e con información sobre as súas achegas á mellora da cidade e da sociedade- nos espazos públicos. Para avanzar neste camiño de empoderamento, desenvólvense entre outras as seguintes liñas de traballo:

* Emprego de nomes de mulleres para a denominación de espazos públicos: vías urbanas, prazas, parques e edificios públicos (centros de ensino, centros de investigación, bibliotecas…).
* Colocación de rótulos, placas conmemorativas e esculturas que salienten o protagonismo individual e colectivo das mulleres na historia da cidade.
* Organización de roteiros urbanos centrados na historia e na memoria das mulleres.
* Realización de murais e outras intervencións artísticas.
* Organización de actividades divulgativas (publicacións, conferencias, exposicións…), prestando especial atención aos centros educativos.