O mapa da pegada d’A Memoria das Mulleres no espazo público forma parte do proxecto A Memoria das Mulleres, impulsado polo Concello de Pontevedra, que pretende contribuír ao coñecemento e difusión da historia das mulleres desta vila. As mulleres estiveron historicamente relegadas do espazo público. Unha das formas máis evidentes de exclusión é o carácter patriarcal e clasista da denominación de rúas, prazas ou edificios. E tamén a discriminación das mulleres na sinalética urbana e nas homenaxes escultóricas, nas que raramente aparecen con nome propio. É hora de que as mulleres conquisten o espazo público e a súa presenza se visibilice ao lle dar nome ás rúas e ás prazas, ao ocupar ocos na sinalética urbana, ao ser protagonistas na arte mural e ao cobrar vida nos roteiros guiados.
Novidade! Os audios desde mapa poden activarse automaticamente se te aproximas dalgún dos puntos sinalados. Para iso só debes activar a xeolocalización do teu dispositivo móbil en canto paseas.