O 28 de xuño de 1981 tivo lugar en Vigo a primeira manifestación do “Día do Orgullo Gai” en Galiza baixo o lema “Pola liberdade sexual, contra a represión homosexual”. Este mes, por tanto, é o 40 aniversario dunha manifestación que xa forma parte da nosa historia recente e por iso, desde A Memoria das Mulleres, queremos facer este pequeno achegamento ao movemento de loita polos dereitos LGBTIQA+ en Galiza. Esta data é a primeira referencia que temos pero isto non implica que non existisen outros movementos organizados previos ou avances individuais, senón que aínda descoñecemos boa parte da evolución histórica deste colectivo.

As mudanzas socioculturais que se deron ao longo da historia pasaron da normalidade das prácticas homosexuais á persecución das persoas LGBTIQA+. Deste modo, na Idade Media temos constancia do casamento entre homes, sendo Pedro Díaz e Muño Vandilaz o primeiro matrimonio homosexual documentado na nosa historia. Porén, a partir do século XI atopamos numerosos casos de LGBTfobia, sendo unha historia ben coñecida a do matrimonio entre Elisa e Marcela en 1901.

O século XX no estado español vai estar marcado por un contexto de lexislación homófoba dirixida polo réxime franquista, e até xaneiro de 1979 non se despenaliza a homosexualidade. Non obstante, foi unha época con grandes loitas individuais que axudaron a sentar as bases para a reivindicación colectiva e tamén dos primeiros movementos organizados, sendo en 1970 a primeira “marcha do orgullo gai” en Nova York. En Galiza a primeira mobilización, como ben dixemos, non será até 1981, aínda que temos constancia de que xa en 1978 se organizaban xornadas clandestinas que buscaban propiciar a creación dun grupo de acción gai, nun contexto que prohibía realizar calquera acto vinculado ao movemento LGBTIQA+. Estas xuntanzas desembocaron na creación da Coordinadora de Colectivos Gai de Galicia, que non só liderou a primeira manifestación do colectivo, senón que tamén levou adiante diferentes actividades e eventos a prol da diversidade sexual e editou O Aturuxo, a primeira publicación gai, lésbica e de esquerdas galega. No século XXI a lexislación deu pasos a favor dos dereitos das persoas LGBTIQA+ mais aínda resta moito que loitar para conseguir a plenitude de dereitos do colectivo.

En Pontevedra, a primeira celebración oficial do Orgullo LGBTIQA+ foi no ano 2005 nunha recepción institucional no Concello na que se izou a bandeira que representa a este colectivo no balcón municipal. A partir dese ano, celébrase anualmente este día combinando o ton reivindicativo e festivo, asentando a parte máis festiva desta reivindicación coa celebración do Flop Festival a partir do ano 2016. Porén, buscando accións formativas e grupos de apoio, creouse en 2020 o Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES), sendo Pontevedra a primeira cidade galega que conta cun centro municipal de información en diversidade sexual.
Tampouco debemos esquecer o labor do asociacionismo. Actualmente a nivel galego atopamos diversas organizacións de apoio á comunidade LGTBIQA+, como ARELAS, asociación de familias de menores trans*, que traballa e promove a defensa dos dereitos das menores en todos os ámbitos da vida. Entre as súas actuacións, lanzaron unha exposición fotográfica itinerante sobre transexualidade destinada a aproximar a realidade trans* aos centros educativos de Pontevedra. Tamén é moi interesante o labor de Nós mesmas, unha asociación feminista que traballa pola loita dos dereitos das mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais de Vigo e Pontevedra. Baixo a idea de erradicar a discriminación contra o colectivo LGBTIQA+ (sobre todo, contra as mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais) a asociación leva a cabo diferentes accións e está especializadas na orientación, formación e asesoramento. Outra asociación que debemos ter en conta é Avante LGBT+, que responde a unha demanda de espazos compartidos para persoas LGBTIQA+, formación, intercambio de inquedanzas e loita contra o patriarcado e a heteronorma. Entre as súas múltiples actividades, en colaboración co Concello de Pontevedra, esta asociación levou a cabo unha acto de formación para Policía Local no ámbito da violencia LGBTfóbica.
Son numerosas as actividades que se levan a cabo para dar visibilidade e loitar polos dereitos do colectivo LGBTIQA+. Continuemos coñecendo a historia, formándonos para superar prexuízos e estereotipos, reivindicando a igualdade de dereitos e dando visibilidade á diversidade sexual.




