Teresa Fraga Couto

Natural de Santo André de Xeve, Teresa Fraga Couto pertence a esa xeración de mulleres valentes que, malia vivir nun tempo e nun ambiente de miseria intelectual, racharon arquetipos fuxindo de convencionalismos; unha sorte de “deusas” capaces de crear da nada.

Sen nai dende os seis anos, con poucas horas de escola e moitas de traballos, sendo aínda unha adolescente namorou dun mociño moito máis baixo, sen lle importar a estatura física e si, a mental. Tiveron unha filla. Un ano despois casaron e viviron xa sempre en Lérez, onde tiveron outra filla. Pepe foi o amor da súa vida.
Consciente de que debería axudar á economía familiar e sen oportunidade de ir aprender a coser, mercou unha Wertheim e fixo camisas para unha fábrica: “Para facer a primeira, desfixen a que me deron como modelo e, por esa, fixen as outras. Despois xa me saían cos ollos pechados”. Coa mesma habelencia fixo pantalóns, calcetou prendas de la, ideou os disfraces de entroido para os netos, tapizou cadeiras vellas, exerceu de practicante poñéndolles as inxeccións á veciñanza, cantou coplas, plantou patacas, millo, hortalizas, cortou herba, criou galiñas e porcos, cociñou o carneiro con patacas amarelas da maneira máis deliciosa nas festas do patrón ou, cando lle fixo falta, se converteu en “empresaria artesá”, confeccionando mandís, saias e vestidos para logo ir vendelos polas feiras da Provincia.

Por Pepe, con 73 anos converteuse en “poeta”. Trala súa morte, a el lle dedicou ducias de poemas de amor, en galego, a lingua dos seus soños aínda que nunca lla aprenderan na escola. Son poemas con pouco artificio literario, pero cunha forza tal que fan estremecer (algúns foron publicados en diferentes números da revista Cedofeita, onde, no seu día foi entrevistada); e para mitigar a dor da súa ausencia comezou, outrosí, a escribir as súas inabarcables memorias dende os primeiros recordos, non menos conmovedores.
Aos 83 anos estreouse como actriz coa curtametraxe Dúas letras, por cuxa interpretación conseguiu o premio do xurado á mellor actriz no Festival de Cans (Porriño), o Premio do Público no de Bueu e o Premio á mellor curtametraxe no Festival Primavera do Cine de Vigo (2012). Deseguido viñeron anuncios na TV Galega: tellas, patacas, compra por internet… e o último dunha compañía eléctrica, A Vaquiña, que leva emitíndose 5 anos.

Quizais, igual que moitas outras deusas do seu tempo, se tivese máis oportunidades e máis escola, hoxe estariamos a falar dunha escritora, gran deseñadora e actriz pontevedresa chamada Teresa Fraga Couto.

Autora: Fina Casalderrey

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas