María Jesús Romero Brañas

Converteuse por casualidade na primeira muller vocalista de orquestra nun tempo, os anos finais da década dos 50, en que subir aos palcos das verbenas era, como o coñac Soberano, cousa de homes. A primeira vez que actuou en público foi nunha homenaxe que se lle facía aos bombeiros no Teatro Malvar. Radio Pontevedra pediu intérpretes e a súa versión de La niña de puerta oscura gustou tanto que foi a canción elixida pola emisora para anunciar o evento.

Cando chegou a proposta da orquestra venceron as reticencias maternas un salario por noite similar ao soldo dun mes e o compromiso de vestir sempre de xeito elegante, que nunca rompeu.

Coñeceu o seu home cantando na orquestra Gran Casino, na que el traballaba como condutor. Casaron en 1962 e María Jesús enviuvou en 1964, cando a súa única filla tiña un ano. Tivo que sacala adiante soa pero, xa non o fixo cantando, senón limpando nun hotel primeiro e logo converténdose na conserxe do pavillón municipal de deportes. Foi iso e non ser unha pioneira nas verbenas o que a converteu en toda unha celebridade entre a mocidade usuaria. E foi tamén pioneira en mercar e conducir unha moto.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas