- Biografía
- Audios
- Videos (4)
Erundina lembraba ir traballar xa con catro anos na praia coa nai, quen facía o posible por alimentar nove fillos, mesmo vendendo peixe polas aldeas, e cando non había peixe, trocaba berberechos por fariña, pan ou patacas.
De pequena foi á escola de don Malvino, estivo moi pouco tempo xa que con 9 anos entrou a servir en Marcón. Ía con outros rapaces, marchaban á mañá e viñan á noite. Levaban mazás para asar e comer con pan de millo.
Xa casada foi ao xornal, levando os fillos con ela a carranchapernas, mais Erundina dedicouse principalmente ao oficio do marisqueo, até os 65 anos, tempo polo que non cobrou porque daquela non se cotizaba. Estivo anos deprimida por non poder volver traballar nunha ribeira que sempre lle dera de comer. Opinaba que “agora a praia non é dos pobres, agora a praia é dos ricos”, xa non era aquela “veiga dos pobres” que pasou a ser “o bankinter”. “Non hai banco en Pontevedra que dea tanto coma iso”.
Erundina lembraba cada detalle da ribeira antes de chegar a Celulosa, da punta de Mollabao até Marín. Gardaba na memoria nomes como Dúas Irmáns, Pedras Carneiras, o Mar Chiquito, onde teñen ido ás ameixas e ao berberecho, Pedra Foxán, Areón do Palco, a Culler…
Descargar