Carmen Rey Freijanes

Ponte Sampaio, 1925 - 11/01/2021

Carmen naceu en 1925 en Ponte Sampaio, pero iso non lle importa moito. De feito, non o soubo até cando, adulta, preguntou a un cura para o que traballaba se lle podía consultar a data de nacemento. Filla de solteira, foi tamén nai fóra do matrimonio en tres ocasións e unha cuarta xa casada co seu compañeiro.

A súa é unha historia de determinación e afouteza. Non coñeceu a escola e pronto tivo que se incorporar ao traballo para contribuír á economía familiar. Dedicouse ao marisqueo e o xornal. “Desde os nove anos traballando mar y tierra”, forxou un carácter duro, fendido pola fame e a precariedade da ditadura.

Ela foi unha das cabezas visibles da loita librada polas mulleres de Arcade e Ponte Sampaio para paralizar o dragado da area do río Verdugo. O 29 de outubro de 1965, no medio da protesta elevada polas mulleres en oposición ao espolio marisqueiro e tendo como inimigo directo a centos de gardas civís, Carmen fíxose cunha enorme bandeira de España e apareceu na boca da ponte de Ponte Sampaio, lugar da protesta, deixando dunha peza tanto á veciñanza que ollaba o altercado como aos propios gardas civís, que inevitablemente, se tiveron que cadrar ante tal símbolo. Este acto foi unha inxección de moral de tal envergadura que alentou ás mulleres a sosteren batalla durante longas horas, a pedradas e fuxindo polo monte, até saíren vitoriosas. Carmen pasou a ser coñecida como “a da bandeira”.

Autoría: MAOS Innovación Social

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas