- Biografía
- Audios
- Videos
Emerenciana Fernández Gómez naceu en Lérez en 1892. A súa vida estivo vinculada ás festas, ás feiras e á vida ambulante. Aínda solteira rexenta unha atracción de lanchas voadoras, mais a súa relación co mundo do entretemento estréitase a partir de 1909 cando coñece a José Silvent Martínez, quen será o o monicrequeiro galego máis famoso do século XX.
Emerenciana e Silvent construíron ao seu redor un universo familiar, creativo e empresarial de éxito e duradeiro, cuxos froitos foron un casamento, oito descendentes, unha barraca de monicreques e a creación dunha das personaxes máis populares e queridas das festas populares, o pícaro Barriga Verde.
Aínda que estableceron a súa residencia no lugar da Torre de Lérez, a familia pasaba longas estadías fóra da casa indo de festa en festa e de feira en feira. Así é como conseguiron que Barriga Verde, o personaxe principal do seu espectáculo, fora coñecido en toda a xeografía galega.
Neste negocio, Emerenciana foi a voz en off que explicaba as accións dos bonecos, vendía entradas e facía a porta. Tamén distribuía o traballo dos fillos e fillas que, como non, participaban activamente nas tarefas da empresa familiar. Ademais do seu espectáculo de monicreques, esta parella destacou por ser precursora das proxeccións de cinema ambulante por vilas e aldeas. O papel de Emerenciana aquí era clave: era explicadora de cadros, narraba as escenas do cine mudo.
Con todo, o seu labor máis salientable foi na xestión e administración dunha das empresas de espectáculos de maior sona da primeira metade do S.XX de Galiza, xa que ela se encargaba de asistir ás poxas para a instalación da barraca, contratar persoal, obter os permisos necesarios etc. Era o cerebro empresarial que sostiña o espírito creador.
Emerenciana finou en Lérez en 1976.
Descargar