Dolores Veiga Gómez

Lola Veiga Gómez, coñecida como “A Manuelona, foi carniceira. Naceu en Lérez o 15 de maio de 1919 e con pouco máis de 12 anos, ficou orfa de nai. Nesa altura comezou a traballar como asalariada nunha carnicería de Poio ata que comezou co seu propio negocio, novamente unha carnicería mais esta vez no desaparecido mercado da praza de Valentín García Escudero de Pontevedra. Inaugurado o actual Mercado Municipal de Abastos instalouse no posto 16, onde atendeu unha ampla clientela ata ben avanzados os setenta anos de idade.

De precoz emprendedora, Lola pasou ao matrimonio e á construción da súa propia familia xunto ao tratante de gando Valentín Outón Calvo, con quen casou con pouco máis de vinte anos e de cuxo matrimonio naceron cinco crianzas. Coidou delas e de tres sobriños aos que acolleu como fillos tras ficaren orfos de pai. Na súa casa non baixaban de catorce persoas á mesa diariamente, na que sentaban, ademais dos membros da familia, xornaleiros e agregados por necesidade.

Traballadora incansable no coidado da familia, do negocio e da comunidade, “A Manuelona” foi unha muller solidaria coa comunidade. Desde a carnicería axudou a sacarlle a fame a moitas familias que estaban en mala situación económica.

É persistente a lembranza da carnicería de Dolores Veiga, a Manuelona, que, a pesar de ser filla do cívico Andrés Veiga, é lembrada en Lérez por dar anacos de bisté ás crianzas que repetían a mesma fame que ela coñecera na infancia. Ou os restos do peixe que deixaban os mariñeiros na praza e que ela metía no seu carriño para repartir pola aldea. Ou o primeiro leite de vaca parida. Ou a tarteiriña de comida para aquela nai que tiña tanta fame de tantos fillos.

Montse Fajardo.

A Manuelona finou en Lérez no ano 2009.

Biografías Relacionadas