Eulalia Carro Sobral

Xa de pequena, Lali Carro tiña que faltar á escola para poder axudar ao seu pai co gando. E todo empeorou cando a súa nai, Amelia Sobral, finou deixando atrás sete crianzas, a máis pequena, Pablo, con só oito días. Lali era a maior das tres nenas e desde entón levou a casa aínda que só tiña dezanove anos. Había tres que rematara a guerra e era un tempo de moita miseria. Pasou toda a mocidade cun só vestido e para non estragalo, traballaba cunha especie de quimono feito cun saco. Moitas veces ía recoller abono ao cuartel de Figueirido e tanto ela como o seu pai axudaron a moitos presos, sobre todo levándolles comida.

En 1945 casou con Pastor Torres, que pasou tres anos agochando a súa militancia comunista, primeiro no monte e despois nun tobo que a súa nai, Teresa Paz, lle fixo na casa. Entregouse en maio de 1939 e un mes despois tivo que regresar por un tempo ao agocho. En 1948 levárono preso, acusado de repartir pasquíns do PC, co que seguiu a colaborar na clandestinidade. A Lali tocoulle tirar do fillo e da filla soa até decembro de 1949, cando Pastor logrou definitivamente a liberdade.

Lali non o quería en política. Xa sufrira dabondo tras o golpe. O seu pai, Severino Carro, tamén estivera uns días no monte, agochando que fora secretario da Sociedade de Agricultores e Gando. A súa nai, Amelia Sobral Acuña, baixara como Pastor defender a legalidade e aínda que non lles pasou nada, os cívicos si raparon a súa irmá, Leonor Sobral, e mataron o seu irmán, Abelardo, pola súa vinculación á Sociedade de Agricultores e Obreiros de Vilaboa. A súa viúva, Hermosinda Lamoso, estaba embarazada da cuarta nena cando o levaron. Nunca apareceu o corpo.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable. Tamén se poden consultar as publicacións: Homenaxe ás mulleresrepresaliadas e resistentesde Pontevedra, Folleto ‘As vítimas silenciadas e esquecidas Homenaxe ás familias da Pontevedra obreira, sindicalista e agrarista masacrada polo fascismo’, A Pontevedra boa e xenerosa e Salcedo, a represión franquista contra a loita obreira e agraria.

 

Biografías Relacionadas