Amelia Sobral Acuña

Aquel 20 de xullo de 1936 en que os golpistas tomaron Pontevedra, Amelia Sobral baixou de Salcedo co sacho, que era o que tiña, para intentar defender o goberno lexítimo e con el, a II República. Pola noite, cando a cidade xa caera nas mans equivocadas, aínda seguía na vila, como se non quixese aceptar o novo tempo. Foi buscala o seu home, Severino Carro, antes de agocharse no monte por medo a que lle fixesen pagar ter sido o secretario da Sociedade de Agricultores. Non foron por el, pero si polo irmán de Amelia, o tamén dirixente agrario Abelardo Sobral Acuña, veciño de Vilaboa, e a pola irmá, Leonor, que foi rapada.

Non se coñece afiliación de ningunha das dúas irmás mais era moi común no tempo do terror rapar as mulleres para castigar a implicación dos homes da familia. Abelardo foi torturado no mesmo local da Sociedade agraria e obreira de Vilaboa, agora convertido en cuartel dos cívicos. Saíu tan desfigurado que as últimas persoas que o viron só puideron identificalo polas verbas: “Son Lamoso, de Postemirón” que facían referencia á familia da súa muller, Hermosinda Lamoso. Estaba embarazada da cuarta filla cando el desapareceu para sempre. Nunca atoparon o corpo.

Amelia morreu ao pouco, en 1942, oito días despois de dar a luz o oitavo fillo, Pablo. O seu home e a maior das nenas, Lali, seguiron adiante traballando a reo mais, a pesar da miseria, foron sempre apoio para os presos do cuartel de Figueirido, tan preto da casa, aos que levaron comida. Aínda hoxe garda a neta de Amelia, Pitusa Torres, as fotos e as caixas de madeira que os presos lle regalaron á súa nai.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar corresponde a Eulalia Carro Sobral, Lali, filla de Amelia, o cal contén información sobre a nai.

Biografías Relacionadas