Cinta Rey

Non naceu en Pontevedra mais a súa fotografía abrazada ao piñeiro da Caeira onde lle mataran o fillo é xa, para sempre, símbolo da memoria resistente non só da cidade senón de Galiza enteira. Cinta Rey era a nai de Víctor Casas, secretario do Partido Galeguista fusilado o 12 de novembro de 1936 xunto a outras nove persoas que desde o Goberno Civil e o Concello defenderan a legalidade republicana: Telmo Bernárdez, Amancio Caamaño, Luís Poza, Benigno Rey, Paulo Novás, Germán Adrio, Ramiro Paz, José Adrio e Juan Rico.

Cada verán despois da barbarie, Cinta percorría os quilómetros que separaban A Coruña de Pontevedra e acompañada pola viúva de Alexandre Bóveda, Amalia Álvarez, visitaba o lugar onde tamén el fora asasinado o 17 de agosto. Foi Amalia a que lle quitou a foto. Acostumaban ir logo ao cemiterio de San Amaro, onde estaban enterrados. Bóveda nunha propiedade da familia e Víctor no panteón que Josefina Arruti, a muller do alcalde Osorio-Tafall, abrira no tempo do medo para darlle acubillo a ducias de represaliados.

Autora: Montse Fajardo

[Máis información na publicación ‘As familias do 12 de novembro‘]

Biografía de Cinta Rey

Descargar

Biografías Relacionadas