Ana Rodríguez

Viúva, veciña de Freira ou da Barra de Filgueira, terra de San Martiño (figuran os dous nomes en dúas pezas distintas do seu proceso) foi procesada no ano 1609, cando o Inquisidor de Galicia, D. Juan de Ochoa, fixo una visita por todo o bispado de Tui e a vila de Pontevedra.

Sufriu diferentes acusacións: unha testemuña conta que tendo un fillo gravemente enfermo e sabedora da fama da feiticeira recorreu a ela, indo á súa casa; a bruxa no momento adiviñou quen era o paciente, o mal do que adoecía e todos os bens que tiña na casa. Comentoulle que ela identificaría a bruxa que causaba o mal ao rapaz. Describe o momento da curación misteriosa, unxindo a cama con auga, sal, tres carbóns acesos e gotas de cera, en presenza dunha moza virxe. A partir de aí, sóubose que había dúas feiticeiras que o querían mal e se vingaban do enfermo. Como non recorreu a outros médicos, o fillo morreu e o home presentou a denuncia contra as bruxas da contorna.

Outra das acusacións fíxoa un crego que, abraiado por aparicións de espíritos doutro mundo ou defuntos preto do cemiterio, buscou refuxio na casa da bruxa. Despois da cerimonia dos carbóns, axudada por unha sobriña portadora da vela, resultou que a fantasma era outro crego morto catro anos antes e o quería matar. Xa tranquilizado aproveitou a ocasión e consultou sobre un mal que a súa nai tiña nun ollo. A curandeira comezou a varrer o fogar con moita forza con ramaxe de liño, deste xeito atormentaba a feiticeira, despois mataríaa e finalmente apagaría o lume con auga bendita.

A unha muller co home doente, recomendoulle durmir con el, cunha vela cinguida ao corpo. Outras veces afumaba os enfermos cunha herba chamada Túñez, invocaba os demos e entregábase a eles. As fórmulas eran moi diversas, por exemplo:

Vaite de aí, dor fóra de…

que o aire malo se vaia para as penas Obiñas

pola gracia de Deus e da Virxe María…

Ana foi castigada coa aplicación do tormento da mancuerda, desmaiouse e o proceso adiouse ao día seguinte, tendo que suspenderse de novo por perigo para a súa vida. Pediu clemencia, admitiu a veracidade de Santiago, sobre o estrado na misa maior dun domingo e con insignias de bruxa; unha vez lida a sentenza, saíu polas rúas coas costas espidas, recibindo cen lategazos. Foi desterrada durante tres anos de Santiago e a Folgueira.

Autora: María Xesús López Escudeiro

Biografía de Ana Rodríguez

Descargar

Biografías Relacionadas