Elisa Rosa Venta Pintos

A historia de Elisa Rosa Venta Pintos e o seu home, Ciríaco Licer Cons, é un claro exemplo de como a extorsión económica levada a cabo polos franquistas tras o golpe de Estado de 1936 supuxo a ruína de moitas familias, marcando a súa vida para sempre, e como houbo falanxistas que aproveitaron a situación política para enriquecerse apropiándose de bens de familias caídas en desgraza por defender a legalidade republicana.

Ciríaco Licer foi condenado a cadea perpetua (despois rebaixada a trinta anos) por participar na requisa de armas que desde o Goberno Civil se puxo en marcha o 20 de novembro para intentar parar o golpe. Na procura da súa liberdade, Elisa dedicou boa parte do patrimonio familiar a comprar vontades e pasou de ser a dona dun próspero negocio de tecidos a vender teas polos mercados ou produtos de estraperlo.

Cando foi do golpe estaba embarazada por oitava vez, aínda que só lle sobreviviran catro criaturas. Pariu o neno, a quen chamou como o pai, con Ciríaco preso en San Simón e un par de axentes facendo garda na porta. Tampouco este fillo lle sobreviviu.
A base de cartos, Elisa logrou que Ciríaco saíse do cárcere en 1940 mais morreu moi novo e ela acabou marchando ao Brasil, para facer vida e sobre todo para fuxir da continua presión dos falanxistas que mesmo lle foran ocupando, aos poucos, o seu fogar.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas