Señora María! A chamada das vendedoras de peixe de Pontevedra

Señora María! Señora María! Con esta chamada reclamaban as vendedoras de peixe a atención das mulleres das aldeas próximas a onde se dirixían a vender. E si, era señora María porque este era, basicamente, un negocio de mulleres.

O acceso ao peixe nas zonas do interior resultaba complicado e esixía o desprazamento a lugares costeiros ou a áreas onde se puidese adquirir, como a vila de Pontevedra. As leiteiras foron, tradicionalmente, unhas das encargadas de abastecer de peixe as parroquias das que procedían ou aquelas que quedaban de paso no seu percorrido. Unha vez vendido o leite e outros víveres, o camiño de volta aproveitábano para viren cargadas co peixe que lle encomendaban. Para alén das leiteiras, o abastecemento de peixe no rural facíase tamén por medio das vendedoras que, a pé, se desprazaban desde as zonas de costa para vender o excedente da pesca. A relación destas mulleres co mar viña xa condicionada polo seu propio contexto familiar, sendo a actividade á que se dedicaban maioritariamente no seu contorno. Así pois, xa de madrugada, cando os barcos volvían do mar, as mulleres que realizaban este oficio agardaban no peirao para recoller a mercadoría e saír a pé coas súas patelas á cabeza cara aos lugares do arredor. Case a diario, desprazábanse a aldeas da Canicouva, Soutomaior ou incluso Redondela.

Pero non só vendían peixe. A escaseza de diñeiro metálico e as limitacións de acceso a certos alimentos, favoreceu o desenvolvemento dunha economía do troco que permitiu o intercambio de produtos. Das áreas costeiras levaban mariscos, mexillóns e varias especies de peixes e do troco traían patacas, carne de porco ou ovos, entre outras cousas. Por tanto, non era infrecuente que as peixeiras levasen un saco na man ou ao lombo de volta á casa.

Moitas eran apenas unhas nenas, que exercendo desde moi novas de adultas, contribuían á economía familiar como podían. Co tempo, e sobre todo após a chegada do automóbil, produciuse unha transformación do oficio que supuxo a súa desaparición nas condicións que se describen.

No ámbito urbano destaca a presenza das peixeiras que venden na praza de abastos. A antiga praza de Pontevedra, situada preto da ponte do Burgo e demolida a mediados do século pasado, era o seu lugar de traballo. O acceso á praza non era doado: pagaban polos postos que ocupaban no interior e tamén estaban obrigadas a pagar os arbitrios, un imposto sobre a mercadoría para vender. Á entrada da praza situábanse as básculas coas que ao chegar as vendedoras pesaban a carga. Pagábase en función do tipo de produto -se era marisco ou era peixe- e da cantidade; canto máis caro era o produto que se quería vender, máis se cobraba. No entanto, aproveitando a intensa afluencia de persoas e a habilidade e enxeño das peixeiras, os intentos por evitar este control eran habituais.

O peixe para a venda adquiríase na lonxa, na praza ou incluso se desprazaban a outros lugares cando sabían dalgunha variedade que daba moi bos resultados e que non chegaba a portos próximos. Na praza, a poxa comezaba entre as 6:00 e as 7:00 da mañá. Dos portos próximos, como Marín ou Bueu, viñan cargados con centolas, camaróns, nécoras, xoubas; outras persoas traían para a poxa o que pescaban por iniciativa propia, como pescada ou fanecas. Noutros casos, había que desprazarse a outros portos máis afastados, como o de Vigo.

Pero, para alén do esforzo que supuña adquirir o produto, as condicións nas que desenvolvían o traballo na praza supuñan unha dificultade a maiores, e o frío sempre foi un grande inconveniente para o seu benestar laboral.

Ademais da venda de fresco, as vendedoras coñecían técnicas de conservación do peixe que preceden as vantaxes do conxelado e que lles permitían garantir a subministración para épocas en que escaseaba, como os da salgadura do peixe, os de secado ou os afumados. Facíase necesario aproveitar ao máximo os recursos dos que se dispoñía. Dos xurelos, por exemplo, facíase aceite. Metíanse os xurelos nun recipiente e deixábanse ao sol para que soltaran a graxa. Despois, para lle disimular o sabor, fervíase esa graxa con allo. Colábase cun pano e quedaba preparado un substitutivo do aceite para a cociña. Non é algo que lembren con moito entusiasmo, pois o sabor descríbeno como desagradable. Porén, dá conta dos múltiples recursos e habilidades que permitiron enfrontar situacións adversas e que conseguiron dotar dos bens básicos a numerosas familias.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: Señora María!

Josefa García e Josefa Barcia na Praza de Pontevedra
Josefa García Palmás (esq) e Josefa Barcia García con 17 anos (drt), nai e filla, vendendo na praza de Pontevedra. Aprox. 1951.

Audios

Galería

Videos