Mulleres do mar

No corazón das vilas mariñeiras, caracterizadas polas casas baixas, de factura pobre e cuxo trazado dá orixe a un espazo irregular e de rúas estreitas, habitan familias dedicadas ao mar. As vivendas, de tamaño reducido, tanto acollen a familia como serven para a almacenaxe dos apeiros de traballo. Os soportais amplían este espazo habitacional e tamén son utilizados para gardar gamelas pequenas, remos, redes, nasas, etc. Na casa conviven, pois, o mar e a familia, cos seus apeiros, traballos e tamén cos seus olores, fortes, descritivos, característicos. Mulleres, homes e nenos e nenas aproveitan, na medida das súas posibilidades, os recursos deste medio para garantir a súa subsistencia.

Herdeiras dunha tradición de milenios, as mulleres do mar aprenderon das súas e dos seus a ser superviventes. Con todo, este recoñecemento do propio apenas se traduce nun recoñecemento social. De grande relevancia sería, en caso contrario, Isabel Barreto de Mendoza, “pontevedresa do século XVI, que foi a única almiranta na historia da armada española no Océano Pacífico. Pertencía á nobreza galega, era moi culta, sabía ler e escribir en latín” [Do Gris ao Violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra. Concello de Pontevedra].

A relación da muller co mar é unha relación duradeira, de múltiples traballos, de confraternización, de vida. A elas correspondeulles facerse donas dos seus traballos, moitos deles produto da iniciativa propia, sen apenas coberturas legais e sen limitacións horarias. Como é o caso das traballadoras da ribeira, as mariscadoras. Coa axuda dun caldeiro, dunhas botas e dun angazo ou dunha aixada podían saír faenar. Tamén hai quen se dedican ao marisqueo en bote, unha tarefa que polo xeral conta con presencia maioritaria de homes.

A revalorización que co tempo acadou o traballo de mariscadora contribuíu á súa incorporación a postos de relevancia na xestión das confrarías, cambio significativo no status e no poder político das mulleres parello a un proceso de profesionalización do oficio durante a década dos anos 90.

As das redeiras, atadeiras e chaboleiras son as mans caladas que atan e preparan os aparellos en terra para que o barco poida ir ao mar. Artesás da agulla, as redes esténdese á beira do mar, anunciando o seu destino.

Falaba Xaquín Lourenzo do oficio das vendedoras de peixe, que percorrían cos seus cestos os camiños de lugar en lugar ou as rúas de vilas e cidades ofrecendo o seu produto. A pé chegaba o peixe desde a ribeira aos lugares do interior. E como pagamento non era exclusivo o uso do diñeiro, senón que, en non poucas ocasións, no rural pagábase con produtos da colleita como millo, centeo, etc.

Pero, ademais destes oficios, destacan os relacionados coa industria, especialmente coa industria conserveira. A introdución no proceso de fabricación de innovacións que facilitaban a conservación do alimento durante máis tempo e que ofrecían maiores facilidades e mellores prezos no consumo contribuíron ao auxe desta industria. En Galiza, a implantación dunha industria de salga primeiro e conserveira despois, incentivada polos empresarios cataláns desde finais do século XVIII, supuxo para moitas das mulleres unha grande oportunidade de traballo asalariado.

Son moitas as mulleres que traballaron tamén nas bateas, antigamente non mecanizadas, polo que o groso traballo se facía á man. As pesadas cordas cargadas de moluscos eran levantadas a pulso, cos brazos. En momentos concretos, como cando tiñan grandes pedidos de mercadoría para enviar fóra, encargábanse de cargar os camións e a urxencia obrigábaas a traballar durante toda a noite ou a comezar a xornada de madrugada.

Pero son moitos máis os oficios que as mulleres realizaron no mar: armadoras, salgadoras, descargadoras de sal, encascadoras, sargaceiras… e un longo etcétera. Moitos destes oficios son pouco coñecidos, cando non descoñecidos, pero tamén son moitas máis as mulleres aínda silenciadas e esquecidas.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pode lerse o texto completo en: Mulleres do mar

Mulleres volvendo de mariscar
Mulleres volvendo de mariscar. Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.

Galería