Mariscadoras, cultivando o litoral

Ser mariscadora non foi, durante moito tempo, unha elección senón unha necesidade. Mariscar era unha actividade libre, ao alcance de calquera. Neste tempo do marisqueo libre, cando se abría a veda, había centos e centos de persoas e “apenas tiñas onde meter o legón de tanta xente que ía. Viñan de Figueirido, de Marcón… e cando cocían viñan cun cabadiño coller os berberechos e os mexillóns para faceren empanadas. E aínda habendo tanta xente había para todos”. A mariscar ían sobre todo as mulleres pero tamén había homes.

Os relatos das protagonistas recollen a emoción dunha historia, moitas veces persoal, que se mestura coa profesional. A mariscar aprendíase desde a infancia en familia, de nais a fillas, ou con algunha outra familiar.

O marisqueo trabállase en seco ou en mollado, sobre a area ou desde as barcas. Mariscar no mar é relativamente recente pois derivou da incorporación ao traballo de apeiros como as varas e as ganchas coas varas. Mariscar en seco é mariscar na area. As mulleres que marisquean en seco fano coas mareas. A ausencia de apeiros de traballo específicos para o seu labor compensábana coa intelixencia no aproveitamento dos recursos que tiñan máis á man; improvisando co aro dun barril ou dun balde. Noutros casos, tamén se recollía o marisco cos dedos, perceptible aínda na xeografía das súas mans: “Mira que dedos chatos de coller a ameixa. (…) Metíamos os dedos así e quedoume deformados”; ou coa axuda dun sacho ou dun legón. Un dos enxeños que maior repercusión tivo no traballo das mariscadoras de Lourizán foi un caixón cun cristal ao que lle chamaron o radar. Este caixón – aberto por un extremo, cun cristal no outro e pechado polos lados -, axudábaas a localizar o marisco cando o mar se movía moito e dificultaba a visión dos buracos dos bivalvos. Empregábano cando ían mariscar de noite; a través do cristal observaban, sen o impedimento da auga, onde estaba a ameixa, metían a man e tirábana da area. De primeiras fixérono de tamaño grande pero resultou non ser moi cómodo cando tiñan que fuxir dos vixiantes da comandancia e adaptárono para ser facilmente transportable.

No tempo da veda ían á roubeta. Daquela apenas se falaba de furtivismo e referíanse a esta actividade como ir mariscar no tempo da veda ou ir á roubeta. A vixilancia, que dependía da Comandancia da Mariña, contrarrestábase cunha contra-vixilancia que as obrigaba a estar atentas para non seren descubertas, xa que se as pillaban podían poñerlles unha multa e quitarlles o traballo e as ferramentas.

O labor das mariscadoras non acababa ao recoller o marisco; despois había que vendelo. Moita da mercadoría vendíanlla a unhas compradoras que despois a enviaban para Barcelona, para Madrid; polo regular, para os almacenistas grandes. Esta venda á distancia xeraba non poucas picarescas, e nalgunha ocasión recibían telegramas afirmando que a mercadoría se vendía mal. Querían aproveitarse da distancia para dar a entender que o produto estaba en mal estado e vendelo máis barato e maximizar os beneficios do intermediario. Porén, e a pesar de que moitas delas apenas sabían ler, o engano rara vez prosperaba.

Ademais, os controis sobre a actividade foron en aumento conforme se regularizaba o traballo. Con todo, moitas das medidas foron pouco exitosas. A nivel laboral, a súa situación actual é precaria xa que a única cobertura que teñen é a que ofrece a categoría de autónomas e, vaian mariscar ou non, as cotas deben pagalas igual, haxa veda ou non. Outro problema deriva da etiquetaxe do produto, que non sempre se corresponde co marisco galego. Polo xeral, a vida da mariscadora actual vese empeorada desde a perspectiva destas mulleres que viviron outra forma de marisqueo.

Pero ademais das dificultades pola situación persoal do traballo, da súa dureza; da lexislación; e das dificultades para a venda; o mar foi obxecto de grandes intereses dos que xurdiron importantes conflitos. En Lourizán aínda se garda memoria da implantación de Celulosas, da construción da avenida de Marín, da ampliación do porto… do que foi a ría de Pontevedra e do que é a día de hoxe. Nesta parroquia dragouse o areo principal de cría para o recheo de Celulosas. Moitas mulleres saíron defendelo e houbo un importante conflito que incluso lles supuxo ir ao cárcere. “Non tiveron compaixón de ningunha clase”, afirman. Saben da riqueza do mar, dos intereses que xera, e sentencian: “Antigamente un señor dixo: lobos vos comerán, e do monte non serán”.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: Mariscadoras, cultivando o litoral

Mariscadoras en Pontevedra
Mariscadoras en Pontevedra. Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.

Audios

Galería

Videos