Dos peiraos ás tres columnas. As mulleres da Moureira

O sal. A pesca. A venda do peixe. A vía do tren. As pontes do Burgo e da Barca. As fábricas de conservas. Os alcumes familiares. A praza de touros con redes e roupa a secar. As casas con chabola e salgadoiro. A prostitución. O río Gafos. Os alfolíns. As Casas de Outón. Os peiraos das Corbaceiras. A punta do Morro e a Puntada. As fondas de bo xantar. A casa de Baño da señora Charo Fonseca. Disto falan as mulleres que viviron na Moureira na primeira metade do século pasado, antes de que o barrio deixara de “mirar” ao mar e parara o seu latexar de salitre.

A Moureira procede do mar como o seu nome da salmoira; técnica empregada na salgadura do peixe. Intimamente ligados, o barrio, a veciñanza e o mar gardan unha confianza forxada ao longo de séculos de relación. Este vínculo foi especialmente rico ao comezo da Época Moderna (séc. XVI), cando a intensa actividade derivada da pesca e da vida portuaria da Moureira conseguiron situar Pontevedra como o núcleo urbano máis importante, rico e populoso de Galicia.

Co tempo, a prosperidade foi minguando e xa a finais do séc. XIX un traballo do censo sitúa o nivel de renda máis baixo da cidade de Pontevedra (25 pesetas) na Moureira, xa deprimida e depauperada.

Este barrio humilde, que medrou de xeito caótico e desordenado abrazando a liña de costa desde a ponte do Burgo até o río Gafos, divídese historicamente en tres zonas: A Moureira de Arriba -preto da ponte do Burgo-, a da Barca -no medio, punto máis estreito e onde se ergueu a ponte do mesmo nome- e A Moureira de Abaixo ou Corbaceiras.

Máis de medio século despois de que o arrabalde de Pontevedra perdera o seu carácter mariñeiro, restan só os libros e a memoria dalgunhas persoas para dar conta da sociedade establecida entre mulleres, homes e mar.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este é o texto introdutorio, pódese descargar o texto completo en Dos peiraos ás tres columnas.

Mulleres lañando sardiña na Moureira
Postal de mulleres lañando sardiña na Moureira. Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.

Galería

Videos

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email