Mulleres mariscando, sachando os campos de area, é case unha imaxe icónica da vida costeira galega. Esta actividade outorgoulles a posibilidade de acceder ao alimento de xeito inmediato e obter ingresos rápidos. Sentáronse así as bases dunha certa autonomía e liberdade persoal que con todo mantivo o marisqueo como unha ocupación complementaria, sen recoñecemento nin prestixio social debido en parte a que “non estaba controlado, non pagabas seguro, era algo un pouco libre”. Chegábase incluso a considerar que o gañado eran “cartos roubados ao mar” e que se obtiñan, malia o esforzo, nun ambiente no que se desfrutaba porque “hai que reconocelo, incluso as mariscadoras vellas se desvivían pola ribeira”. (M.C.V., Lourizán).
Cara á profesionalización nos 90
Na segunda metade dos 90 iniciouse un proceso de profesionalización da actividade marisqueira. Inicialmente foi necesario ter un permiso de explotación do marisqueo, Permex, tamén relativamente sinxelo de obter. Posteriormente, esixiuse estar dada de alta na seguridade social, así como ter seguro laboral. Ademais, canalizouse a venda a través da lonxa e buscouse integrar as mariscadoras dentro das confrarías, estruturas para a defensa das actividades pesqueiras e marítimas nas que as mulleres até entón non tiveran presenza. Con este obxectivo creáronse dentro das confrarías as Agrupacións de marisqueo. A través delas implicouse ás mariscadoras nos labores de cría e cultivo, limpeza das praias, rareos, vixilancia e no control na praia, para supervisar os topes de captura e tamaños mínimos.
A consecuencia destes requisitos e accións foi que o traballo na ribeira adquiriu trazos de maior profesionalidade á vez que supuxeron unha incomodidade para aquelas que vestían o marisqueo como un traxe que se poñía en función das necesidades do momento.
Así, as mulleres que ían á ribeira pasaron a ser “mariscadoras” por obra e graza das leis dos 90, feito que non estivo exento de polémica. A principal resistencia por parte das mulleres deuse ante a obriga de teren que pagar as cotas de autónomas e un seguro laboral como única vía para legalizar a actividade. Houbo mulleres que directamente abandonaron; “moitas deixaron o carné porque non querían asumir o pago desa seguridade social (…). Naquel entón, ou entrabas ou marchabas” (M.C.V., Lourizán).
O feito de ter que vender a través da lonxa, ao principio tamén levantou suspicacias xa que diminuía a facilidade e o inmediato co que conseguían ingresos (na actualidade cóbrase arredor dunha semana despois). Até entón “viña un cliente e xa pagaba en man. Non se controlaba ese diñeiro, é dicir, era diñeiro negro. Ademais, como non había cotas nin moito menos non che xeraba gastos. Todo eran beneficios” (M.J.M., Lourizán).
Membros activos das confrarías
A partir de 1996 as mulleres comezaron a ocupar postos de representación dentro das confrarías máis alá das recentemente creadas agrupacións de mariscadoras. Irromperon nestas entidades tradicionalmente masculinas para reivindicar e dar voz á súa actividade, a pé nas leiras de area, con sachos e caldeiros, botas de auga (cando as houbo) e defender o traballo que lle aprenderon nais e avoas e do que pretendían vivir.
Unha das pioneiras foi Faustina Solloso Vale, quen en 1996 foi elixida patroa maior do Vicedo. Máis próximas, atopamos outras mulleres que asumiron o desafío de entrar nun mundo que lles fora vetado: María del Carmen Cortegoso (Vilaboa), Rita Míguez de la Iglesia (Arcade), María del Carmen Simón (San Telmo de Pontevedra) e María del Carmen Vázquez Nores (Lourizán) entre moitas outras.
Autoría: MAOS Innovación Social
Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: De traballadora da ribeira a patroa maior.