Costureiras

As costureiras da segunda metade do século XX afástanse moito das descritas nas cantigas do “Cancioneiro da agulla” e que resume na introdución o compilador Armando Cotarelo Valledor*:

“Segundo é de supoñer, xastres e costureiras cadran en bastantes cualidades no sentir do Cancioneiro: ambos valen pouco, ambos son folgazáns, frouxos, lareteiros, sabidos e demasiado penzos ós amoríos.” (Cotarelo, 1984, p.20)

Na maior parte das ocasións as rapazas que querían dedicarse á costura, ou que estaban abocadas a ese oficio por decisión familiar, debían traballar como a que máis. Talvez podían verse libres de parte do traballo no campo, por exemplo, mais non podían deixar de lado as tarefas e os coidados da casa ao mesmo tempo que aprendían o novo oficio. A coser adoitaba aprenderse na casa, remendando ou facendo roupa para a propia familia, mais frecuentemente a aprendizaxe inicial dábase nas escolas para rapazas como materia obrigatoria. Unha vez que se decidía apostar pola costura como oficio, dábase continuidade á aprendizaxe entrando a traballar gratis nun obradoiro de costura ou cunha costureira experimentada. Cando se alcanzaba suficiente coñecemento e experiencia, as rapazas comezaban a traballar por conta propia: collían encargas directamente, asumían traballo que lles pasaban outras costureiras ou cosían para fábricas ou mesmo para tendas da cidade, ás que moitas veces se ía a pé. Para asumir a costura como oficio había que valer e ter pouco de folgazana.

As costureiras podían facer traballos diversos: coser para unha fábrica que lles daba as pezas xa cortadas, remendar ou refacer roupa vella ou mesmo facer traxes e vestidos completos. Neste último caso achegámonos ao oficio de modista, sendo a fronteira entre un e outro bastante difusa. As modistas podían ter costureiras traballando para elas, algunhas delas aprendizas que non cobraban a cambio de gañar experiencia, e mesmo ter un local propio na cidade para que a clientela se achegase para que lles tomasen as medidas. É este un punto diferenciador importante entre a definición de costureira e de modista: o tipo de clientela e o tipo de traballo. Unha modista tomaba as medidas, compraba as teas, facía o corte e cosía as prendas. Os patróns para o corte podían collerse de revistas como Cadena, que tamén organizaban desfiles de moda ás que acudían algunhas modistas para manterse ao día. As costureiras podían facer tamén todo o proceso de elaboración dunha prenda, mais non de forma estábel, sendo máis ben este tipo de encargas as menos frecuentes. O seu traballo céntrase maioritariamente en coser pezas xa cortadas para fábricas, tendas, obradoiros de costura, etc. Nalgúns casos tamén se cosía para vestir clientes especiais, como o exército ou os feirantes. Tanto modistas como costureiras tiñan uns horarios ilimitados, sendo frecuente o traballo até altas horas da noite ou comezando xa de madrugada, cando non se tiña que traballar a noite toda para dar saída ás encargas. A pesar do que se puidese dicir, non eran oficios para persoas frouxas.

O traballo de costureira ten varias semellanzas co traballo de oficina: realizábase normalmente nun asento, cunha máquina ou á man e forzando a vista. Ao estar sentadas a maior parte do tempo no inverno podía collerlles o frío e a mala iluminación dificultar o traballo. Quecer o espazo de traballo e iluminalo ben era importante, así como dispor de boas ferramentas. Así eran común máquinas de coser como a famosa Singer, mais tamén as Alfa ou as Refrey, que co seu soniquete acompañaba moitas veces as conversas, tan necesarias nun traballo que podía resultar monótono e pouco máis se podía facer á parte de escoitar a radio. Era un oficio moito máis fácil de levar laretando.

* COTARELO VALLEDOR, A. (1984). Cancioneiro da agulla. Vigo: Editorial Galaxia, Cultural Popular Series.

Autoría: MAOS Innovación Social

[Ver o texto en PDF: Costureiras]

[Accede ao PDF do ‘Léxico de costureiras’ premendo aquí]

Obradoiro de costura
Obradoiro de casa de costura en Pontevedra.

Audios

Galería

Videos