As mulleres da Unión contra a draga do Verdugo

Paquita “levantou a casa”. Sabía que ía ter visita e por iso limpou a fondo o seu piso. Puxo un sobre marrón enriba da mesa do salón. Nel garda as fotografías do día en que as mulleres de Ponte Sampaio, Arcade e Paredes se xuntaron para loitar polo sustento das súas parroquias, a ría, e botar os homes que extraían area do seu fondo para empregala na construción en Vigo.

Só as mulleres, acompañadas de mozas e nenas, se opuxeron a este espolio e fixeron fronte á Garda Civil, poñéndose á cabeza deste conflito que rematou esa mesma xornada coa súa vitoria orgullosa sobre a draga do “moro” (un empresario denominado así por ser moi moreno) e dos homes que traballaban para el.

Era a década dos 60. A ditadura non permitía a protesta. A economía estatal iniciaba unha fase de crecemento favorecido, entre outros factores, pola man de obra barata. Ponte Sampaio aínda era concello de seu. Na zona había algunhas fábricas, como Almacenes Arcade e Camisería Regojo. Con todo, a actividade económica de Arcade, Ponte Sampaio e os arredores centrábase na pesca, complementada coa existencia dun peirao comercial de fluxo curto.

A xente dos lugares afectados organizouse para impedir esta inxustiza. Afirman que a maior parte dos veciños e veciñas apoiaban a protesta, pero só unhas poucas se puxeron á cabeza mentres outros colaboraron “deixando facer”. Dos homes comentan que houbo algún que se fixo pasar por muller e se vestiu con saia para non ser descuberto. Falan tamén do alcalde e da Sección Feminina da Falange de Ponte Sampaio, da veciñanza de Vilaboa e de Moaña, que tamén estivo alí ese día. Foi esta conxunción de forzas e solidariedade que provocou que por aquel entón foran coñecidas como as da “Unión”.

A guerra, nun día

A protesta foi o 29 de outubro de 1965, a véspera de Defuntos. Ese día moita xente ía ao cemiterio con ramos pero as mulleres da protesta non; elas cambiaron flores por pedras. En total, algo máis de cen mulleres, entre adultas, mozas e nenas, participaron na protesta. Non se acovardaron. Tiraron pedras até que conseguiron “embarrancar” as lanchas dos da draga. Despois, xuntáronse todas no lado de Ponte Sampaio, de onde había máis xente e máis “follón” se estaba a montar.

Alí cantaron o “Cara el sol” e estenderon unha bandeira de España no chan, obrigando á Garda Civil a cadrarse diante dela (daquela era un mandato para os axentes). As mulleres empregaron como armas os símbolos do opoñente. Unha sorte de cabalo de Troia, que tamén as levou á vitoria.

Contra a noite os homes das lanchas marcharon, cansados de agardar e non poder traballar e deixaron alí as embarcacións. Tamén a draga, parada, ficou na auga. Foi entón cando as mulleres volveron ás súas casas despois de librar unha “guerra” que durou un día enteiro.
Ás mulleres de Ponte Sampaio quedoulles soa de seren “bravas” mais non hai que esquecer as demais, que reivindicaron do mesmo xeito o seu territorio rachando coas atribucións sociais que lle viñan sendo recoñecidas.

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: As mulleres da Unión contra a draga do Verdugo

Protestas contra a draga
Mulleres e nenas de Ponte Sampaio e Arcade loitan por botar a draga de area da ría, o 29 de outubro de 1965.

Audios

Galería