As mulleres contra a “Hermandad”

As mulleres do rural estaban moi ligadas á terra xa que eran elas a pedra angular da casa entendida como unidade de produción que englobaba o agro, o gando, os traballos no monte, os coidados… Así, neste tempo, terra, casa, fogar, autoabastecemento e subsistencia eran termos sinónimos nas súas vidas.
 
Por iso, en 1953, moitas mulleres das parroquias pontevedresas participaron na defensa do “seu” nas accións de resistencia elevadas por grupos labregos contra a obrigatoriedade de pagar a cota da “Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos” (organización que representaban o sindicalismo vertical franquista no agro) por parte das persoas posuidoras de terras de traballo.
 
Rompíase así o principio de voluntarismo na afiliación sindical, sumándose ao feito de que a “Hermandad” pontevedresa non prestaba os servizos prometidos, como eran sulfatos, sementes de patacas, arame de fío para as vides etc. Homes e mulleres erguéronse ante este cargo inxusto, así como contra posteriores intentos de embargo das terras (1956), estendéndose as accións de resistencia en parroquias rurais de Pontevedra como Santa María de Alba, Verducido, Marcón, Campañó, Lourizán, Santo André de Xeve e Santa María de Xeve.
 
Inicialmente o medio de protesta foi a negativa ao pagamento das cotas. Pola súa banda, a “Hermandad” decidiu contratar recadadores, cobradores profesionais alleos á institución que se presentaban nas parroquias coa firme intención de executar o cobramento. Alí atopábanse coa oposición das veciñas como a que mostrou en 1954 Dolores Barreiro Vázquez (Santa María de Alba), que “profirió frases poco dignas contra la Hermandad” e berrou “que la Hermandad era buena para los del Cabildo, que se enriquecían a su cuenta” (Cabana, Ana; La derrota de lo épico, páx 105, Publicacions de la Universitat de València, 2013).
 
Na documentación oficial deste conflito as mulleres figuran como “culpables” (Ibídem, páx.106) das revoltas xa eran elas as que se puñan á cabeza dos enfrontamentos cara a cara cos cobradores e outras autoridades, ademais de insistir e espallar a negativa ao pagamento. En moitas ocasións as mulleres presentábanse nos actos de acción directa acompañadas de crianzas, creando así un grupo de loita integrado polos membros da sociedade considerados febles e fráxiles; un grupo co que as forzas represoras non estaban afeitos a se enfrontar e ao que, por suposto, non podían atallar coas mesmas armas e tácticas empregadas contra homes xa que iso suporía recoñecelas como unha ameaza real.
 
Manuela Otero García (Marcón) é outro exemplo de líder na súa parroquia así como Dolores Fontán (Verducido), que en 1955 fixo fronte ao embargo das árbores da súa veciña que, como ela, tampouco pagara a cota. A ela sumóuselle a súa filla e un grupo de nenas que insultaban e ameazaban ao axente da “Hermandad” e ao policía con queimalos se volvían por alí. Outro caso semellante aconteceu en Sabarís (Campañó), onde mulleres e nenas recibiron o cobrador con berros, ameazas e insultos de tal intensidade que marchou e pediu que en sucesivas ocasións o acompañase a Garda Civil.
 
Descoñécese o final desta danza de resistencia debido á falta de documentación histórica e á desmemoria das persoas das parroquias afectadas, o que nos pode remitir a que finalmente se fixeron os pagamentos á “Hermandad”.
 
Autoría: MAOS Innovación Social
Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: As mulleres contra a Hermandad
Imaxe antiga de Xeve
Imaxe de Xeve extraída da web do proxecto Xeve de Memoria.

Videos